Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PREMIO REPSOL-YPF DE NARRATIVA BREVE

Martínez Pereiro, narrativa sen chumbo

O xurado destaca o humor presente nos 45 relatos que compoñen 'A verdade como mal menor', que se fixo coa terceira edición do certame.

Redacción - 17:45 24/09/2008
Xosé Manuel Martínez Pereiro

Xosé Manuel Martínez Pereiro

O xurado do III Premio Repsol-YPF de Narrativa Breve escolleu como gañador A verdade como mal menor, un libro de relatos presentado polo escritor e humorista gráfico coruñés Xosé Manuel Martínez Pereiro. Trátase de 45 relatos que, en palabras de Anxo Tarrío, que presidía o xuri, "encádranse no xénero clásico da facecia" (relato breve, en prosa, que presenta unha situación irónica, paródica ou graciosa). O estilo de Martínez Pereiro, descrito pola crítica como "narrativa erudita e corrosiva", pode relacionarse coa obra de Cunqueiro ou Casares.

Segundo Tarrío, o texto gañador "abre unha multitude de mundos literarios e filosóficos para que o lector os descubra". Así mesmo, o libro é de "lectura agradábel", grazas "á fina ironía que desprende no seu conxunto e o humor ás veces corrosivo, mais non hilarante senón propiciador de sorrisos cómplices". Segundo Tarrio, tamén se debe esa amena lectura "ao atrevido erotismo fronteirizo, desinhibido, pero nunca hipócrita nin chocalleiro".

Nesta edición do premio presentáronse 32 orixinais, un sesenta por cento máis que na anterior. Martínez Pereiro recibirá nove mil euros e vera o seu libro publicado. Recibirá o premio nunha cerimonia que se celebrará en novembro. Martínez Pereiro únese a Miguel Sande e Anxos Sumai, anteriores gañadores do premio.

O autor
Nacido en A Coruña no ano 1959, a actividade de Xosé Manuel Martínez Pereiro repártese entre a narrativa, o teatro e o debuxo humorístico. Ten publicado cadriños en revistas como Can Sen Dono, XO! A voz que para as bestas, O Farelo, os periódicos A Peneira e A Nosa Terra e varias antoloxías de humor gráfico. Como poeta obtivo o I Premio de Poesía Manuel Murguía (Universidade de A Coruña), o Premio "Has de Cantar" da Asociación Cultural Rosalía de Castro de Bizkaia e o "Domingo Antonio de Andrade", concedido pola Agrupación Cultural do mesmo nome en Cee. Como narrador publicou en Laiovento As irmás bastardas da ciencia, distinguido co "VIII Premio de narración Carvalho Calero", Breviario de calamidades (Espiral Maior) e Medición definitiva do limbo ("II Premio Cidade da Coruña de literatura fantástica"), tamén editado por Espiral Maior. con Palamades e a Besta Ladradora, conseguiu o X Premio de Narracións Breves "Manuel Murguía".


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: