Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
O automóbil responsábel de máis do 80 % das emisións na cidade

“Aire Limpo para todos” é o lema da Semana da Mobilidade Europea deste ano

 E é que, para mellorar a calidade de vida nas nosas cidades, é necesario ser conscientes dos graves problemas de saúde que ocasiona o uso excesivo do coche nas cidades. O propio Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño avalía en 16.000 persoas en todo o estado as que falecen prematuramente cada ano por mor da mala calidade do aire.

Verdegaia - 16:30 19/09/2008

Esta situación, que orixina fortes danos á nosa saúde, ten unha causa clara: un modelo de transporte e de mobilidade centrado prioritariamente no automóbil. Calcúlase que cerca do 80% da contaminación das cidades é debida ao coche.

Os contaminantes máis problemáticos nas nosas cidades son o dióxido de nitróxeno (NON2), e o ozono troposférico (O3) e as partículas en suspensión (PM10). Todos eles teñen como orixe, en gran medida, os tubos de escape dos coches, particularmente as particulas en suspensión PM10 (partículas "torácicas" menores de 10 μm que poden penetrar até as vías respiratorias baixas). Hoxe os científicos achan que as partículas en suspensión son o problema de contaminación ambiental máis severo e están detrás de numerosas enfermidades respiratorias, problemas cardiovasculares, e cancros de pulmón.

Aínda que en 2007 só se rexistrou unha superación dun valor límite legal (para NO2 en Santiago), en todas as cidades galegas medidas superáronse os valores de PM10 recomendados pola Organización Mundial da Saúde (1) e ademais en Ferrol, Coruña, Santiago e Vigo(2) tamén foi superado en 2007 o valor límite anual que estará en vigor no ano 2010 (40 ug/m3):Santiago (54,8 ug/m3)12, A Coruña (45,96 ug/m3), Ferrol (43,78ug/m3) e Vigo (43,65 ug/m3).

Estes datos teñen unha clara relación coa situación actual da mobilidade urbana en Galicia que reflicte claramente a ausencia de medidas innovadoras e a falta de vontade política de atallar o problema incidindo sobre a súa principal causa: o abuso do automóbil. Así tenemos que o 58% dos desprazamentos de curta distancia en Galicia fanse en automóbil cunha media de ocupación de 1,2 persoasdurante a semana, subindo a cifra ao 72% na fin de semana, fronte a un 25% a pé e un triste 6% en transporte público.Salientar tamén o dato de que só o 0.09% emprega o ferrocarril, o que é indicativo do estado de abandono deste medio no que as administracións seguen a pechar liñas e tramos deixando cada vez máis poboación sen aceso a un futuro ferrocarril de proximidade.

Así temos que Ferrol (o 63,9% o empregan para ir a traballar ou estudar) é o paradigma do uso do automóbil como medio de transporte, seguido de Vigo (62,2%) e Santiago (62%).

Verdegaia realizou entre 2007 e 2008 comparativas de medios de transporte (a pé, bicicleta, moto, taxi, autobús e automóbil privado) en Ferrol, Ourense, Vigo e Compostela coa finalidade de delimitar varios parámetros: tempo consumido, consumo enerxético, custo monetario e emisións de CO2.

As conclusións destas comparativas foron rotundos: a bicicleta foi o medio máis rápido en todas as probas. A diferencia entre empregar a bicicleta no canto do automóbil en desprazamentos urbanos durante un ano suporía evitar a emisión de 600 kg/CO2, permite gañar 210 horas de tempo e aforrar máis de 400 € , sen ter en conta a amortización do vehículo.

Perante esta situación, Verdegaia demanda a adopción de medidas urxentes para reducir o uso do coche nas cidades e trasvasar viaxeiros a outros modos de transporte de menor impacto ambiental, nomeadamente o transporte público colectivo e os desprazamentos non motorizados, isto  é, andar ou pedalear.

Estas medidas urxentes teñen que ter unha dobre compoñente simultánea de disuasión e estímulo. Disuasión para o emprego do coche mediante os múltiples mecanismos posíbeis (parquímetros, restricciones de acceso, peaxes, non ampliación de estradas, pacificación do tráfico) e estímulo para os medios máis ecolóxicos (melloras no transporte público, con carrils exclusivos, itinerarios peonais e ciclistas seguros, ampliación de beirarrúas).

Neste momento, incrementar o viario para os coches como pretenden facer as distintas administracións (vease o plano Vigo Integra, o Plano de Estradas de Galicia, etc.) é unha resposta obsoleta, cara e contraproducente ante os retos do tráfico. Ao contrario, reducir a capacidade do viario para os coches permite modos de vida máis saudables para todos os cidadáns, e leva aparellados unha mellora na calidade do aire, menor ruído, máis espazo para a xente. Ata agora, as melloras tecnolóxicas na emisión de contaminantes dos automóbiles foron en boa medida neutralizadas pola súa cada vez maior uso, polo que a única estratexia razoable é a de reducir a súa utilización.

Para mellorar a calidade de vida nas cidades, para reducir os elevados custos económicos do transporte e para combater o contaminación atmosférica, acústica e visual, Concellos, Xunta e Goberno central deben mudar radicalmente as súas prioridades en materia de infraestruturas e urbanismo, apostando por unha nova concepción do desenvolvemento urbanístico, que free a dispersión e a segregación de usos. As cidades teñen que recuperar a súa escala humana, na que a proximidade dos servizos sexa a característica principal. Un lugar é máis accesíbel canto menos distancia haxa para chegar a el. A creación de proximidade é o piar básico da mobilidade sustentábel sobre o que se deben sustentar todas as medidas aquí propostas.

1 A OMS recomenda un máximo de 20 microgramos/metro cúbico (μg/m )

2 Nas estacións urbanas de medición da calidade do aire de Pontevedra e Lugo non se mediron valores de PM10, a pesar de que hai valores límite en vigor para este importante contaminante desde 2005.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: