Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
EN EUROPA

A Axencia Europea para as Linguas Minorizadas detecta un aumento no racismo lingüístico

Marca como obxectivo que a ONU recoñeza a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos, aprobada unanimemente no Congreso español.

Redacción - 18:40 18/09/2008

Logo da xuntanza mantida en Gdansk (Polonia), a Axencia Europea para as Linguas Minorizadas (EBLUL) xa deu a súa diagnose: estase a producir un aumento na incomprensión e animadversión cara as linguas ameazadas. Así o vén de confirmar o presidente do comité desta axencia para o Estado Español e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, quen reiterou a existencia de "grupos de poder que desenvolven discursos contra as linguas galega, catalá e vasca", unha situación que el cualifica de "racismo lingüístico". Neste sentido, Callón aludiu a grupos como o Partido Popular que "considera que hai linguas de primeira, linguas que poden ser usadas con normalidade e linguas que non".

Obxectivos para o futuro
A Axencia Europea para as Linguas Minorizadas márcase como obxectivo que a Organización de Nacións Unidas (ONU) recoñeza a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos, elaborada e asinada por organizacións non gobernamentais reunidas en Barcelona en 1996, e aprobada por unanimidade no Congreso do Estado Español. Neste sentido, xa se mantiveron xuntanzas con embaixadores "coa esperanza de que poida haber resultados concretos antes de que finalice o ano".

Ademais, a concienciación é outro dos propósitos que se marca Callón nos vindeiros tres anos de mandato ao fronte da axencia: "queremos que o pobo galego saiba que aquí se están a vulnerar tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos". Ao tempo, A Mesa manterá unha liña de acción de asesoramento ao Comité de Expertos do Consello de Europa, que vixía o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM). O presidente da Mesa asegura que en Galiza non se está a aplicar esta lexislación en eidos como o do ensino, no da xustiza (só o 8% das sentenzas están en galego), na existencia de formularios e webs públicas en galego, na atención ao público... e asegura que estes incumprimentos non se dan só por parte da administración do Estado, senón tamén por parte do propio Goberno galego.


Ligazóns

3.71/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: