Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Este sábado, en Ribadeo

Galiza vs Deutschland, unha billarda percorre Europa

O que a Auténtica preparaba era un segredo a voces, pero o rival co que se ía bater era unha incógnita que hoxe desvelamos: o partido da selección nacional de billarda será contra Alemaña.

Redacción - 11:20 16/09/2008

As grandes estrelas da Bundesliga Xermana de Billarda vanse ver, cara a cara coa, até agora invencíbel, Selección Galega de Billarda, A Auténtica. Será en Ribadeo (na pista polideportiva do Gamallo Fierros) o vindeiro sábado 20 de setembro, ás 17:00 horas.

Este é o segundo internacional d'A Auténtica, que xa se bateu, por dúas ocasións contra a selección asturiana (nas Copas Cantábricas, I e II). Aínda que os rivais nunca viñeran de tan lonxe como desta volta, e chegan desafiantes, e con ganas de romper o sólido bloque dirixido polo Zidane da Billarda.

Chegan os e as alemás
Segundo contan dende a LNB, a selección teutoa aterra en Galiza nutrida por palanadores e palanadoras das tres principais cidades xermanas, onde a billarda ten unha poderosa implantación con tres dos máis importantes clubes do país: Hertha Berlinensis, Borussia Kielensis e Eintrach Heidelbergensis. Ademais, Alemaña chega da man do xa coñecido coma o Hiddink da Billarda, Aitor Rivas, un trotamundos vigués que, despois de militar coma xogador-adestrador dos míticos Palanganas (primeira franquicia billardeira no sur galego) e pasar un tempada nas filas da Ekipa SaFaRi (da Conferencia NorLeste), aceptou, hai uns meses, dirixir á selección alemá, co gran reto de convertela no gran referente mundial, por diante de Galiza, Italia, Croacia ou Asturias.

Dende a Liga Nacional de Billarda avísannos, ademais, de que antes do histórico partido vai haber un xantar de irmandade galego-xermana na Taberna de Lola (en Ribadeo), cun exclusivo Menú da Horta. Quen queira ir pacer, só ten que se anotar no correo electrónico ovaral@hotmail.com.

E continuade atentos ás novidades billardeiras, porque a PxA (Plataforma de xestión da Auténtica) está a traballar a reo para facer pública, xunto coa alemá (que vos ofrecemos aquí, en .pdf) a listaxe de convocados, formada por palanadores e palanadoras das tres conferencias: a NorOeste, a NorLeste e a Sur. O lema é: A terra necesita á Auténtica e a Auténtica necesita de ti!


Ligazóns

5/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Para animar o encontro o tema 'A Billarda', de Mafia Gallega... 'Galiza practica!'

Cartaz do histórico encontro
Cartaz do histórico encontro
A Auténtica que se enfrontou a Asturias o ano pasado
A Auténtica que se enfrontou a Asturias o ano pasado