Xavier Queipo, Camilo Franco, Xavier Alcalá ou Jaureguizar son os primeiros escritores que serán promocionados a través da axencia.
Presentouse na primeira semana de agosto, e naceu co obxectivo de representar e promover a carreira literaria de autores galegos tanto cara o exterior como no mercado interior. É a primeira experiencia deste tipo en Galiza, aínda que noutros sistemas literarios este tipo de axencias privadas de representación funcionan dende hai tempo. Algunhas das máis coñecidas son a Antonia Kerrigan, de Barcelona, con vinte anos de traxectoria e máis de 150 autores en nómina, a AMV madrileña, a AYA, con sede en Cádiz, a barcelonesa IMC, ou a IWE, ubicada en Granada.
A Axencia Literaria Galega (ALG) conta xa con dez autores, entre os que se atopan nomes consagrados e escritores novos: Xesús Fraga, Xavier Alcalá, Santiago Jaureguízar, Xavier Queipo, Camilo Franco, Xosé Manuel Trigo, Carlos Meixide, Manuel Jabois, Elías Portela e Berta Dávila. ALG, con sede social en Cangas, encárgase de xestionar entrevistas, solicitude de artigos de opinión, reprodución de texto ou convites a palestras e mesas redondas.
A ALG é unha iniciativa dos responsábeis da Editorial Rinoceronte, Moisés Barcia e Penélope Pedreira, aínda que funciona de xeito complemente independente con respecto á editorial.