Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
REPRESIÓN FRANQUISTA

Son xa 600 os coruñeses identificados pola Asociación da Memoria Histórica

A ARMH taxa en 30 mil os desaparecidos no estado, dos que catro mil corpos foron recuperados nos últimos oito anos.

Redacción - 18:26 10/09/2008
Restos atopados o verán pasado na Fonsagrada

Restos atopados o verán pasado na Fonsagrada

A Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) vén de facer públicos datos nos que informa dos avances que se están a facer na identificación de vítimas da represión franquista. Segundo publicaron este mércores, son xa 600 os corpos identificados pertencentes só á provincia da Coruña. Estas cifras poderían aumentar, xa que aínda non se identificaron persoas de cuxo asasinato se ten a certeza. Para avanzar nesta liña de traballo a ARMH pediu a colaboración de todos aqueles que perderan persoas próximas durante a Guerra Civil ou a ditadura franquista.

Con estas actuacións non se pretende castigar os responsábeis da represión, senón identificar as vítimas, facilitar información aos seus familiares e permitir o seu digno soterramento. Así, o presidente da ARMH, Manuel Monge reivindicou que a finalidade última das actividades que están a desenvolver é "honrar a dignidade da xente que morreu por ideais". Estas reivindicacións responden á polémica suscitada pola iniciativa do xuíz Baltasar Garzón, que abriu dilixencias para pedir a diversas institucións listados e datos dos desaparecidos.

Estes días tamén se está a traballar na zona máis oriental de Lugo e no Bierzo. Alí estanse facendo uso dun sistema chamado "xeo-radar", aparello que se usa sobre a superficie do terreo e permite achar elementos baixo terra mediante a propagación de ondas electromagnéticas. Están traballando agora na procura dunha fosa no municipio de Quiroga, pero teñen previsto desprazarse máis adiante a diferentes localidades leonesas.


4.33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: