Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
Primeiras eleccións dende 1992

A UNITA acepta o resultado das lexislativas en Angola

O principal partido da oposición impugnara os comicios mais a comisión electoral angolana rexeitou a petición por falta de probas.

Redacción - 12:30 09/09/2008
O líder da UNITA, Isaías Samakuva

O líder da UNITA, Isaías Samakuva

"A UNITA acepta os resultados das eleccións e deséxalle ao partido vencedor que goberne no interese de todos os angolanos", anunciou este luns ante os medios o líder do principal partido da oposición ao goberno do MPLA, Isaías Samakuva.

O Movimento Popular de Libertação de Angola, con case a totalidade dos votos escrutados, conseguiu arredor dun 82% do apoio dos electores, polo 10% de UNITA, e a vitoria nas 18 provincias do país.

O MPLA renovará deste xeito a súa maioría, que se remonta a 1975, e podería ocupar os dous terzos da Assembleia Nacional de 220 escanos, necesarios para un hipotético cambio na constitución angolana.

A UNITA impugnara a elección porque consideraba que houbera irregularidades no proceso electoral, e exixía a repetición dos comicios, espertando deste xeito as pantasmas do pasado. Porén, a comisión electoral rexeitou a petición de UNITA por falta de probas.

Amparo internacional
Tamén os observadores internacionais consideraron que as "anomalías" rexistradas, de carácter técnico, non interferiran nos comicios, que se fixeron de "forma transparente e libre".

Pola súa banda, o presidente da Comisión Europea, José Manuel Durão Barroso, cualificou as eleccións como un paso cara á consolidación da democracia multipartidista.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: