 
Leva dous anos de lector no Departamento de Filoloxía Galega da USC e asegura que cando regrese a Angola, Galiza hase coñecer máis.
Vieiros: Cal é a situación social e económica actual do seu país? Fálase de prezos moi altos na capital... 
Domingos Manaça: O país vive esencialmente da importación. Moitos sectores, sobre todo o de servizos, xestiónanse en réxime de monopolio sen concorrencia ningunha e ditan os prezos que eles consideran.   Os prezos das tendas para estranxeiros son altos. Eu podo comprar un quilo de mazás polo equivalente a tres euros, mais un habitante de Angola non se pode permitir ir a esas tendas.   
En Luanda a especulación urbanística é unha loucura. É completamente imposíbel comprar no centro. Os edificios coloniais onde vivían os portugueses están ocupados polas empresas petrolíferas; e para desprazarse dende a periferia, que era onde vivían os angolanos, tardas catro horas en percorrer dez quilómetros. 
  
Outro dos problemas que sofre Angola é a cantidade de armamento remanente de tantas guerras, as minas diseminadas por todo o territorio... 
O problema das minas é moi complicado, xa que por Angola pasaron moitos exércitos. Respecto ao armamento, o prazo para entregalo voluntariamente xa rematou, polo que agora é delito o uso de armas. Fíxose un esforzo moi grande dende o goberno para desarmar a poboación. Porén, o problema da delincuencia non é tan alarmante como en países como Brasil, é normal. 
  Vostede está de lector na USC. Como é a universidade en Angola? 
Hai unha grande carencia de cadros; o ramo das enxeñarías está moi mal. Hai moita xente que está fóra. Eu cheguei a través dun convenio de cooperación entre a USC e a Universidade Agostinho Neto, a única pública de Angola, onde son profesor. Recibimos axuda de Cuba, de Rusia, do Brasil, e tamén de España.   
  
E no eido da cultura? Que se fala de Galiza en Angola? 
Actualmente hai unha grande produción literaria que fóra sofre unha especie de bloqueo, máis alá de Manuel Rui e outros ...; cada vez hai máis teatro e despois en Angola dánzase moito. Da Galiza non se fala, fálase de España, mais non hai moita actividade de fóra, só a que organiza o Instituto Camões. Cando eu volva para alá hase falar máis da Galiza (ri)!.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto