Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
SALVATERRA DO MIÑO

Do Courel ao Condado nun feixe de poemas

'Galiza non se vende', lema da edición do XXII Festival de Poesía do Condado, que se vén desenvolvendo dende o xoves.

Redacción - 10:00 06/09/2008

O Festival da Poesía do Condado fai esta fin de semana 22 anos. Nese tempo, trazou un mapa completo da poesía galega última, de Méndez Ferrín ou Bernardino Graña até os máis novos, desta volta Valentina Carro ou Carlos Figueiras.

O festival, nado dunha festa do viño en 1979, tivo o seu primeiro escenario en 1981 en Mondariz. Seguiu dezaseis anos máis, até entrar nun intervalo a mediados dos anos 90. A comezos do novo século, retomouse a actividade.

Dividido en tres xornadas, abriuse o xoves 4. O volume da XXII edición presentouse en Salvaterra coa presenza da poeta Cruz Martínez, que intervirá tamén, canda unha ducia de autores, no Festival poético-musical do sábado 6.

A mañá abrirase cunha marcha popular coa participación da murga Sur do Condado, os gaiteiros de Bailía, a animación da rúa de Touporroutou e mais o 'tren de baixa velocidade'. Ás 12:30, colectivos da rede Galiza non se vende participarán nunha mesa redonda. De feito, Galiza non se vende é o lema da edición deste ano.

Pola tarde desenvolveranse unha feira popular, unha festa infantil e unha competición de billarda, aínda que o prato forte chegará ás 19:30: o festival poético-musical estará presentado por Luís Caruncho e Pinto d'Herbón e contará coa poesía de Xiana Árias, Pedro Casteleiro, Paco Souto, Concha Rousia, Cruz Martínez, Alberto Lema, Igor Lugrís, Lino Braxe, Chus Pato, Pilar Beiro, Núria Martínez Vernís (dos Países Cataláns), Limam Boicha (do Sáhara) e Isaque Ferreira (de Portugal).

A parte musical virá do grupo A Quenlla, de Galiza; Canto da Terra, de Portugal; Tabanka Djazz, da Guinea, e Pirats Sound Sistema, dos Países Cataláns.


5/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: