Unha obra, de Xan Arias, repasa os relatos efectuados por diversos cronistas que pasaron pola Coruña dende o século XVIII.
A obra é unha selección de textos escritos por 28 persoas que nalgún momento da súa vida se desprazaron ou viviron nesta cidade. Destes 28, catro son galegos e hai tamén catro mulleres en total. Segundo indicou o autor, Xan Arias, "a través das súas páxinas é un pracer verificar o interese dos viaxeiros por coñecer, por descubrir non só os aspectos exteriores da cidade, senón tamén os relacionados coa súa vida, cos seus costumes, co seu carácter".
No libro recóllense, por exemplo, a forma de ser dos coruñeses, as actividades de ocio e lecer, os 'usos e cortexos amorosos', a impresión dos viaxeiros sobre a instrución e cultura dos habitantes da cidade, o estado das pousadas. Non se atopan moitos nexos en comúns entre os cronistas, todos con perfís moi distintos, algúns con visións máis críticas e outros menos. Coinciden, iso si, os viaxeiros anglosaxóns nas súas visitas á tumba de Sir John Moore, e en xeral nas súas referencias á Torre de Hércules.
O libro, que pode ficar como obra de consulta e de referencia, dedica un apartado específico á Torre, neste ano tan especial no que aspira a ser considerada pola Unesco 'Patrimonio da Humanidade'.
Os cronistas exerceron durante séculos o labor de xornalistas, levando aos seus países a súa visión da cidade e do país, uns relatos que lles servían a todos aqueles que non visitaran A Coruña para facerse unha imaxe do lugar. Unha imaxe que non sempre era de todo positiva, sobre todo no relacionado co estado das pousadas e coa hixiene. Entre as anécdotas máis salientábeis destaca a de John Adams, segundo presidente dos Estados Unidos, que tivo que ficar na cidade unha semana máis do previsto porque non había cabalos para poder saír da Coruña. Outros viaxeiros ilustres que pasaron pola cidade foron John Quincy Adams (fillo de John Adams e quinto presidente dos Estados Unidos), Von Humboldt, George Borrow, Archer Huntington, Unamuno ou Azaña.
O libro A Coruña nos textos dous viaxeiros. Séculos XVIII, XIX e XX está editado polo Concello da Coruña e a editorial Trifolium e conmemora o 800 aniversario da fundación da cidade.