Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
CONTIÑAN DATOS E FOTOS DE VECIÑOS

Abren unha investigación pola existencia de ficheiros ilegais nas oficinas da Policía Local de Sada

Diante da gravidade dos feitos, o alcalde anuncia un expediente informativo para depurar responsabilidades administrativas e oferece colaboración á Fiscalía.

Redacción - 14:30 16/08/2008

O rexedor de Sada, o nacionalista Abel López, anunciou este sábado que o goberno local vai abrir unha investigación para aclarar a existencia de ficheiros ilegais nas dependencias da Policía Local. Diante da gravidade dos feitos, o executivo acaba de abrir un expediente administrativo para aclarar os feitos e depurar os feitos. O organismo municipal oferece colaboración á Fiscalía por se esta entende que ademais de sancións administrativas tamén proceden accións penais.

Os ficheiros ilegais, que contiñan datos e fotos de veciños, foron descubertos por un concelleiro do goberno que accedeu ás dependencias acompañado dun sarxento da Garda Civil e dunha axente da Policía Local. O propio rexedor solicitou a presenza do suboficial da Garda Civil para que estivese presente na entrada a unha dependencia que permanecía pechada.

O escándalo prodúcese en plena pugna entre o goberno e a Policía Local. Dos 21 axentes cos que conta este corpo policial, 14 atópanse de baixa médica, entre eles os principais responsábeis policiais que eran os únicos que tiñan chaves para acceder ás dependencias onde se atopaban os ficheiros. A documentación estaba composta por fotos, tipo polaroid, e anotacións sobre persoas identificadas pola Policía Local.

O alcalde de Sada fixo público este comunicado logo de ter coñecemento dos feitos:

1.- Os mandos da Policía Local en ningún momento comunicaron a esta Alcaldía (Que ostenta a xefatura do persoal municipal e polo tanto tamén da Policía) a existencia de arquivos ou ficheiros de datos de carcater persoal nas dependencias municipais.
2.- A esta Alcaldía no lle consta que o Concello de Sada, ao non ter constancia destes ficheiros, tivera tramitada a inscrpción preceptiva que establece a Lei Orgánica 15/1999 de 13 de decembro de protección de datos de carácter persoal, todo elo con independencia da adecuación ou non á legalidade de tales ficheiros ou arquivos por parte da Policía Local.
3.- Neste sentido, o Concelleiro delegado de Réxime Interior, unha vez que tivo coñecemento da existencia deses feitos, enviou sendas Ordes de Servizo ao Inspector Xefe e ao Oficial encargado do turno de noite co seguinte texto:
ORDE DE SERVIZO

“Personado no día de hoxe, 14 de agosto de 2008 ás 10.00 horas nas dependencias da Policía Local de Sada sitas na Avda. Párroco Villanueva, 37 pertencentes ao Concello de Sada xunto co Xefe Acctal. da Policía Local, D. XXXXXXX(*) e co Sarxento da Garda Civil e Comandante do posto de Sada, D. XXXXXXXX(*),

Obsérvase, no despacho rotulado baixo a denominación U.S.C., a existencia de arquivadores que, polo seu contido, poidera constituir un suposto de ficheiro de datos de carácter persoal dos regulados na Lei 15/1999 de Protección de datos de carácter persoal e dos cales este concelleiro descoñecía a súa existencia.

Por todo elo, emita informe con carácter urxente sobre:
1.- Si coñecía a existencia de tales ficheiros e arquivos.
2.- Si, en canto responsábel do servizo, puxo en coñecemento do Goberno Municipal, a existencia de ditos ficheiros e arquivos, debendo adxuntar copia de tal comunicación, no seu caso”.
(Omítense os nomes dos axentes, pero sí constan na Orde de Servizo orixinal)

4.- O Alcalde agarda que a doenza que padecen estes dous mandos policiais non lles impida emitir os correspondentes informes con toda a celeridade que require o caso.

5.- O Alcalde lamenta que esta irregularidade poida traer graves consecuencias ao Concello, pois a Lei Orgánica de protección de datos de carácter persoal considera este feito, como mínimo como unha falta grave, e polo tanto sancionable con multas entre 60.000 e 300.000 € .
Por esa razón o goberno Local anuncia a apertura do correspondente expediente administrativo-informativo para depurar as responsabilidades nas que poidera ter incorrido a Administración Local pola actuación presuntamente ilegal dalgúns traballadores da Policía Local.
Se ademáis das responsabilidades administrativas poideran derivarse outro tipo de responsabilidades, deberá ser a Fiscalía e os xuices os que determinen o alcance das mesmas. En todo caso o Goberno Local anuncia a total colaboración coa xustiza e cos corpos e forzas de seguridade do estado, co fin de facilitar o esclarecemento dos feitos.

O Alcalde de Sada lamenta profundamente que en plenas festas patronais, Sada sexa noticia por asuntos coma este, ao tempo que anuncia que non tolerará actuacións extrañas á marxe da lei en ningún departamento municipal nin de ningunha persoa en particular, procedan de onde procedan, e garantiza á cidadanía que actuará con toda firmeza adoptando as medidas que sexan necesarias, primeiro para esclarecer os feitos e a continuación, se as investigacións determinaran responsabilidades, adoptando as medidas que legamente correspondan.


4,92/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: