Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Aviso de Amnistía Internacional

Aumenta a preocupación polos posíbeis crimes de guerra en Osetia do Sur

A incerteza das informacións chegadas da zona acende as sospeitas. Aministía subliña que a defensa da poboación civíl ha ser a máxima prioridade de Xeorxia e Rusia.

Redacción - 11:17 12/08/2008

Tras meses de tensión en aumento, a mañá do 8 de agosto de 2008 intensificouse o conflito latente entre Xeorxia e a rexión secesionista de Osetia do Sur até mudar na confrontación máis grave dende a súa guerra civil, que rematara en 1992 grazas ao asinamento dunha tregua.

Agora Amnistía Internacional pide a todos os bandos en conflito en Osetia do Sur que respecten plenamente o dereito internacional humanitario para que a poboación civil quede protexida das hostilidades.

Din os informes que nos combates que se producen na conflitiva rexión xeorxiana de Osetia do sur xa se lamentan numerosas vítimas civís. Aínda que segundo a fonte varía a cifra de civís mortos e feridos, e as circunstancias non son doadas de comprobar por fontes independentes, as informacións e imaxes que amosan os medios de comunicación confirman que se teñen producido danos a bens de carácter civil por mor dos ataques militares de ambos os dous bandos.

Tal é o caso por exemplo de Tskhinvali, capital de Osetia do Sur, onde os ataques das forzas xeorxianas teñen destruído decenas de edificios de vivendas, edificios oficiais, unha xoguetería, dependencias da universidade e máis o Hospital Republicano. O 9 de agosto, as bombas rusas bateron contra unha zona residencial de Gori, unha localidade do centro de Xeorxia.

Distinguir obxectivos militares e civís
Amnistía Internacional pide a todos os bandos en conflito que se absteñan de atacar directamente á poboación civil ou aos bens de carácter civil. As operacións militares han rexeitar os ataques que non traten de distinguir entre obxectivos militares e poboación civil, así como aqueles ataques cuxo impacto sexa desproporcionado. AI manifesta a súa preocupación por que algúns dos ataques poidan constituír crimes de guerra.

Ademais, Xeorxia e Rusia han asegurar protección e un paso seguro ás persoas que foxen do conflito, e permitir o acceso sen trabas á axuda humanitaria até as zonas afectadas. Amnistía Internacional manifesta "o dereito internacional humanitario hase respectar escrupulosamente, en particular a protección da poboación civil" tamén nas hostilidades que seica comezan a producirse no val de Kodori de Abkhazia, outra rexión en conflito de Xeorxia.

Amnistía Internacional insta tamén á comunidade internacional a facer todo o posíbel para ter certo que todos os bandos do conflito respectan o dereito internacional humanitario e dan prioridade absoluta á protección da poboación civil e á solución negociada do conflito.


4/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: