Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
A PARTIR DO 25 DE SETEMBRO

A programación 2008-09 do CDG primará as compañías galegas

Polo Salón Teatro pasarán as últimas producións de Matarile, Teatro Cachuzo, Lagarta Lagarta, Teatro do Atlántico, Galitoon, Pistacatro e Sarabela.

Redacción - 17:30 07/08/2008

Pero non só haberá teatro galego na programación do CDG para os primeiros meses da tempada 2008-09, os que chegan até o Nadal. O Centro Dramático traerá igualmente a compañías doutros países, como Kónic Thtr (Cataluña), Atra Bilis (Madrid), Teatro do Frío (Porto) e Teatro Gorakada (Euskadi). Así mesmo, o CDG estreará a súa nova produción: A boa persoa de Sezuán, de Bertolt Brecht, baixo dirección de Nuno Cardoso.

Animales artificiales, o último espectáculo de Matarile Teatro, abrirá a carteleira con catro funcións os días 25, 26, 27 e 28 de setembro. Esta proposta xira en torno á empatía e ao equilibrio entre o que queda do noso animal e os mundos artificiais que habitamos.

A seguir, pasará polo Salón Teatro, os días 3, 4 e 5 de outubro, o espectáculo infantil Game over, da compañía Teatro Cachuzo. Carlos Losada é o autor e director desta obra, pola que foi galardoado co Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil en 2007. O texto conta as aventuras de Roi, un neno que non para de xogar coa consola ata quedar durmido, deixando a Ken, o personaxe do seu videoxogo favorito, perdido baixo as letras vermellas de "Game over".

Do 9 ao 12 de outubro o Salón Teatro acollerá a produción de Lagarta Lagarta Aeroplanos, unha comedia orixinal do arxentino Carlos Gorostiza baixo a dirección de Rosa Álvarez. Os seus dous protagonistas, Cristo e Paco (interpretados por Ernesto Chao e Xosé M. Olveira "Pico"), son amigos desde a infancia e quedan viúvos case ao mesmo tempo.

A boa persoa de Sezuán
O primeiro espectáculo de produción propia do CDG na tempada 2008-09 estará dirixido por Nuno Cardoso, un dos responsábeis do bo momento que atravesa a creación dramática contemporánea en Portugal. No elenco, haberá once actores e actrices galegos: Rosa Álvarez, César Cambeiro, Antón Coucheiro, Mónica García, Rocío González, Roberto Leal, Rebeca Montero, Marta Pazos, Alberto Rolán, Toni Salgado e Hugo Torres.

A obra estrearase o día 24 de outubro no Salón Teatro, onde ofrecerá dúas funcións máis os días 25 e 26 antes de iniciar a xira por distintos escenarios galegos. A boa persoa de Sezuán regresará ao espazo compostelán o 26 de novembro onde permanecerá ata o 14 de decembro.

Brecht escribiu a obra hai xa 65 anos en California. Trátase dunha fábula amarga onde a bondade é detestada ao límite nun mundo desprovisto dela e, no cal, a "boa persoa" en cuestión adquire interpretacións cada vez máis distantes daquilo que, botando man do sentido común, se entendería como bondade ou persoa bondadosa. Noutro momento Brecht escribiu aquilo de "por desgraza, nós, que queríamos preparar o camiño para a amabilidade, non puidemos ser amábeis".

Programación completa do Salón Teatro
25 a 28 de setembro. Animales Artificiales (Matarile Teatro)
3 a 5 de outubro. Game Over (Teatro Cachuzo)
9 a 12 de outubro. Aeroplanos (Lagarta Lagarta)
24 a 26 de outubro. A boa persoa de Sezuán (CDG)
1 e 2 de novembro. Nou I_D (Kónic THTR, Cataluña)
22 e 23 de novembro. El año de Ricardo (Atra Bilis, España)
18 ao 21 de decembro. Unha primavera para Aldara (Teatro do Atlántico)
26 de decembro. Babiliglub (Galittoon)
27 de decembro. Diz que diz (Teatro do Frío, Portugal)
28 de decembro. Ringorrango (Pistacatro)
29 de decembro. La ciudad inventada (Gorakada, Euskadi)
30 de decembro. Cristovo e o libro das marabillas (Sarabela Teatro)


2.5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: