Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
UN ANO SEN TRASNO

'A noite do trasno', un modelo de festival que esmorece

Cabo Udra (Beluso – Bueu) non acolle este ano o evento: a organización, cansa, lamenta as dificultades económicas.

Redacción - 12:30 07/08/2008

Por vez primeira dende hai seis anos, a segunda fin de semana de agosto non contará cos concertos folk da Noite do Trasno, en Beluso (Bueu). A Asociación de Mozas e Mozos de Beluso, organizadores do festival, tomaron a decisión despois de analizar as convocatorias dos últimos anos. Dunha banda, denuncian o difícil que se torna a organización deste evento, cada ano máis profesionalizado, doutra lamentan a falta de relevo na organización.

A Noite do Trasno xurdiu como festival despois da recuperación da Festa dos Mozos, en 1999. A organización quixo dar un paso máis alá e optou por un festival de música tradicional en 2002: a iniciativa foi un éxito xa que cada ano milleiros de persoas se achegaban ata o entorno natural de Cabo Udra para participar da festa e da troula. Polos seus carteis pasaron grupos de renome tanto do ámbito galego, como do panorama estatal. Como mostra, o ano pasado o cartel estaba formado por Os Cempés, Zënzar ou a Banda do Pulpiño Vilascón, de Galiza, e os andaluces Los Pulseritas ou os palencianos La Familia Iskariote.

Festival inviábel
Sen embargo, o modelo esgotouse. Ou iso é o que opina a Asociación de Mozas e Mozos, quen tomou a decisión que non celebrar o festival este ano. Un dos seus membros, Xabi Castro, asegúranos que a organización se voltou inviable. Primeiro, porque moitos dos membros da entidade deixaron a asociación, ben por motivos profesionais, ben por outras cuestións, mentres que outros reduciron o seu grao de implicación, agardando unha chegada de relevos que aínda non se deu. Ademais, Castro fálanos do cansanzo dos organizadores, xa que o desgaste foi moito nos últimos anos, xa que o grao de profesionalización da Noite do Trasno foi "queimando" aos membros da asociación que se viron cun grao de responsabilidade que supera o agardado dun colectivo sen ánimo de lucro.

Doutra banda, aducen cuestións económicas. Se ben, o festival contaba cada ano co apoio da Xunta e do concello, o certo é que tanto a venta de merchandising a xeito de camisetas como a de bebidas nos postos da organización mermou de xeito importante. Ao tempo, medrou o número de persoas que se sumaban ao botellón, e a bebida traída da casa, o que limitou a recadación. Ademais, o ámbito do concerto, o lugar de importancia comunitaria (LIC) de Cabo Udra estaba a sufrir as consecuencias da actitude de moitos participante no festival, que cravaban tendas de campaña, traían os seus propios xeradores eléctricos para poñer a súa propia música, ou deixaban os seus desperdicios.

A Asociación de Mozas e Mozos tomou este ano de reflexión e, malia que non pecha as portas á celebración do festival o vindeiro ano, si estuda o seu replantexamento. Neste proceso están a buscar alternativas que, de momento, semellan non chegar.


Ligazóns

4.29/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Público nunha das edicións de A Noite do Trasno
Público nunha das edicións de A Noite do Trasno
Deseño das camisetas da Noite do Trasno (2005)
Deseño das camisetas da Noite do Trasno (2005)
Cabo Udra (espazo da Noite do Trasno) / Geocahing: Gusi
Cabo Udra (espazo da Noite do Trasno) / Geocahing: Gusi