Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Avance sobre o proxecto de orzamentos

Economía receita "austeridade" orzamentaria e botará man da débeda para as contas de 2009

O conselleiro de Economía asegura que se conxelarán os salarios públicos, altos cargos incluídos, e a administración só ofertaría novo emprego en sanidade, ensino ou servizos sociais.

Redacción / Europa Press - 09:30 29/07/2008

"Gasto social e investimento produtivo" resumen a prioridade da Consellaría de Economía ao respecto da estratexia orzamentaria para o próximo ciclo. Segundo explicou este luns o conselleiro do ramo, Xosé Ramón Fernández Antonio, trataríase de buscar reducir os efectos da crise "nos colectivos máis desfavorecidos", a través de políticas de formación e recualificación de traballadores afectados" pola perda de emprego. Segundo lles avanzou o conselleiro a sindicatos e empresarios, a Xunta tamén espera que, dentro do "respecto" á Lei de Estabilidade Presupostaria, podería "recorrer de xeito selectivo ao déficit", para impulsar o investimento produtivo.

Por outra parte, Fernández Antonio comentou que ese investimento produtivo se proxectará en función do fortalecemento da competitividade e a creación de postos de traballo para "impulsar a recuperación económica". O conselleiro salientou ademais que o Goberno xa tomase a comezo de ano as primeiras medidas fronte ao prognóstico de crise, e insistiu en que as iniciativas de dinamización económica "van a bo ritmo e cumprindo os obxectivos marcados". Ademais, o escenario de crise provocará que os orzamentos de 2009 prioricen a "austeridade", incluída a conxelación de salarios de altos cargos e equipos públicos, incluída a oferta de emprego, agás que se recomenden incrementos en ámbitos puntuais como a educación ou a sanidade.

Ao respecto destes avances, os sindicatos UXT, CCOO e CIG coincidiron en valorar a conxelación de salarios dos altos cargos, dos directores xerais cara a arriba, incluíndo os directores das empresas públicas, pero rexeitaron que non se incremente o emprego público nun momento en que o sector privado creará menos postos de traballo. Tamén mostraron a súa preocupación de que se iso implique contratacións externas dalgunhas prestacións de servizos.

Xosé Antonio Gómez (UGT) apuntou que en próximas reunións desexa "ver cifras" para comprobar que a austeridade non afecta tamén ao gasto social; Xan María Castro (CC.OO.) reclamou que se garanta o orzamento para protexer aos que queden en paro e para implantar medidas como a Lei de Dependencia e Consuelo Martínez (CIG) solicitou apoio a sectores con alto grao de emprego feminino como o téxtil e o conserveiro. Mentres, o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Fontenla, pediulle ao conselleiro "apoio á empresas", pois algunhas que son rendíbeis, aventurou, "poden ter algún non pagamento puntual", e tamén para superar "as dificultades" que teñen neste momento para acceder ao crédito.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: