Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
TODOS OS MARTES NA GALERÍA SARGADELOS DA CORUÑA

A-fóra(s): De que lado da fronteira estamos?

Escritores galegos que viven no extranxeiro reflexionan sobre a identidade e a imaxe de Galiza dentro e fora do país.

Marcos S. Pérez - 09:00 28/07/2008

O obxectivo é reflexionar sobre a identidade, as fronteiras e a imaxe que os uns temos dos outros, sexan cales sexan estes grupos e os seus límites e características. "Buscabamos algo novo, algo que atraese á xente, porque un dos grandes problemas cando organizas unha actividade deste tipo é que hai pouco público", afirma Claudio Pato, director da Galería Sargadelos da Coruña, onde teñen lugar as xornadas, todos os martes dende o 22 de xullo até o 12 de agosto. Quérese repetir a experiencia en decembro, e tamén editar as distintas intervencións e debates nun volume, que sería editado posteriormente.

Convidouse, para tal fin, a un grupo de autores galegos que por un ou outro motivo residen e traballan fóra do país, en lugares tan diferentes como Bruxellas, Cork ou as Antillas francesas. Autores, ademais, que pertencen a xeracións moi distintas, dende os vinte-e-algo anos de Raida Rodríguez ou Samuel Solleiro, até os cincuenta de Xabier Queipo. Visións e experiencias moi distintas, polo tanto, que contribúen a ofrecer unha visión máis plural.

Por suposto, non se falará tan só de fronteiras xeográficas e lingüísticas. Toda fronteira é unha construción, e hainas de tipos moi distintos, moitas delas baseadas na riqueza ou na clase social, dentro e por riba doutros límites máis claros en apariencia, coma os límites dos Estados ou das nacións. Nos debates sobre as fronteiras e as identidades, analizados en moitas ocasións a través da literatura, entrarán algúns elementos recorrentes no pensamento contemporáneo, como por exemplo se perante unha fronteira estamos dentro ou fóra, ou se ese límite é permeábel ou é máis sólido. Finalmente, entrarán claro está os conceptos de centro ou periferia, as fronteiras dos sistemas literarios, e inevitabelmente a realidade crecente dos fluxos migratorios.

O obxectivo final é crear pensamento, pensar o outro, e en consecuencia pensarnos a nós propios, reflexionando sobre a identidade galega, e sobre as fronteiras interiores e exteriores, a imaxe que os galegos temos do mundo, e a que o mundo ten dos galegos, e tamén a que os galegos temos de nós mesmos. Porque tamén hai fronteiras interiores, coma no verso de Rosalía "estraña na miña propia lingua".

O 22 de xullo estiveron na Coruña Raida Rodríguez, Eva Méndez do Roxo e Carles-Lluís Pallarès, procedentes de Barcelona. O 29 chegará dende Cork Martín Veiga. O 6 de agosto Samuel Solleiro contará as experiencias vividas na súa estadía nas Antillas Francesas. E o 12 de agosto Xabier Queipo pechará o ciclo falando sobre Bruxellas e Bélxica.


4,86/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: