As embarcacións de recreo, os pesqueiros e os mercantes causan a meirande parte da contaminación acústica.
Vigo é o porto máis ruidoso de todo o litoral norte do estado español. Así se desprende dun estudo realizado en augas de toda a cornixa cantábrica e atlántica no marco dun programa impulsado por La Caixa e que ten por obxecto debuxar o primeiro mapa acústico das augas costeiras da península. Durante catro meses, o veleiro científico Íbero percorreu 1.130 millas náuticas polo norte da península realizando medicións dos niveis de ruído submano en 115 estacións acústicas, dende Hondarribia (Euskadi) ata A Guarda.
Os índices de ruído máis elevados correspóndense a Vigo, A Coruña, Bilbao, Xixón e Santander. A área de Vigo presenta niveis que se achegan aos 150 decibelios, mentres que a área de A Coruña ten unha contaminación acústica inferior aos 130 decibelios. As gravacións do tráfico marítimo e do ruído ambiental nas diferentes estacións acústicas dispostas para o estudo poñen de manifesto a contaminación dos portos máis importantes. Sen embargo, o estudo tamén rexistrou sons elevados en lugares con menor intensidade de tráfico marítimo, como Sada, a ría de Pontevedra ou a de Arousa.
Causas da contaminación
En Galiza realizáronse medicións en 45 estacións, acumulando un total de 105 horas de gravacións submarinas. A investigación constata que a área de influencia dos focos principais de contaminación acústica esténdense por unha área de 40 millás náuticas ao seu redor. Tamén se comprobou que a intensidade máis alta de ruído submarino prodúcese por embarcacións de recreo, pesqueiros e mercantes.
A investigación pon de manifesto tamén que os ferris (170 dB) e cargueiros de grande tonelaxe (186 dB) emiten os niveis de son submarino máis elevados. Ademais, estes últimos son os máis contaminantes acusticamente polo tipo de propagación do son que emite, máis lenta. Pero tamén se constataron outras fontes de ruído, como son o transporte marítimo, a explotación en alta mar de reservas de gas e petróleo do subsolo mariño, os sónares militares e industriais, as fontes de acústica experimental, as cargas explosivas mariñas militares e civís (pesca con dinamita) as actividades de enxeñería e o ruído de avións.
Consecuencias nas especies mariñas
Malia que existen poucos estudos sobre os niveis de tolerancia dos cetáceos e das especies mariñas aos sons, todos coinciden en que 180 dB é o máximo tolerable de exposición continuada para estes animais acuáticos, sen xerar lesións irreversibles. Durante o estudo do Íbero avistáronse seis especies diferentes de cetáceos: rorcuales, cachalotes, iubartas, caldeiróns comúns, golfiños comúns e golfiños mulares. Principalmente nas nosas costas abundan os golfiños mulares e marsopas, na súa meirande parte nas proximidades das Illas Atlánticas.