Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
COMEZA O FILMINHO!!!

É tempo de cruzar a raia

Entre o 22 e o 27 de xullo proxectaranse un cento de filmes e curtametraxes de Galiza e o norte de Portugal.

Redacción - 13:15 22/07/2008

Para entender a dimensión deste festival abonda con salientar que os seus asistententes serán os primeiros espectadores de ao redor de dez producións audiovisuais galegas, entre longametraxes e curtas, que farán a súa estrea oficial nas pantallas de Goián e Vilanova de Cerveira. Son, por exemplo, Terra do millo (Patxi Bisquert), O pintor de ceos (Jorge Morais Valle), O cazador (Ángel Santos Touza), John Balan detrás da porta (Lara Bacelo), Sulfato (Abelardo Rendo Rial), París#1 (Oliver Laxe), Contrafilmes (Susana Rei Crespo) e Ladaíña nº 1 (José Antonio Cascudo)

Estrea e reestrea de filmes da Transición

Ademais, destaca a reestrea de A romería da morte (1975) e a estrea de Después del silencio (1978), ambos os dous de Alberto Estévez Piña. No caso d'A Romaría da Morte, trátase dun documental que retratou hai máis de trinta anos a romaría que se celebra en Santa Marta de Ribarteme, na raia. O filme, que obtivo o premio Premio no IV Certame de Cinema Afeccionado de Vilagarcía en 1976, contaba na súa versión orixinal coa música de Miro Casabella. Debido ao mal estado de conservación do orixinal, o son está degradado, o que se solucionará na proxección que se realizará este mércores 23 coa actuación en directo do propio Casabella.

Pola súa banda, Después del Silencio reúne imaxes documentais recollidas na Galiza dos primeiros anos da chamada Transición Política. Foi filmada en Super8, e non chegou nunca a ser estreada. Considerada unha película polémica, Después del Silencio recolle, por exemplo, imaxes de mítins das principais forzas políticas galegas celebrados na campaña electoral de 1977. Ambos os dous filmes proxectaranse ás seis da tarde en Vilanova de Cerveira.

Seccións competitivas

No Filminho hai dúas seccións competitivas: Grande prémio e Cinema Minhoto, a primeira aberta a calquera filme galego ou do norte portugués, e o segundo reservado para traballos rodados nas comarcas do Miño ou que teñen o río e a raia como tema. Nas pantallas do festival, distribuídas en varias localizacións (Auditorio de Goián e o Centro Cultural Goianés, en Tomiño; así como o Cine-Teatro dos Bombeiros e o Auditorio Municipal de Vilanova de Cerveira), poderanse ver a meirande parte das producións audiovisuais galegas máis destacadas dos últimos meses, como A Mariñeira (Antón Dobao), Bolboreta, Mariposa, Papallona (Pablo García), Pradolongo (Ignacio Vilar), Cousas do Kulechov (Susana Rey), 1977 (Peque Varela) ou Só Concertinas (Víctor Coyote).

Os premios entregaranse o domingo 27 na Gala de Encerramento do Festival, que comezará ás nove e media da noite.

Non só cinema
O Filminho organizou en paralelo ás proxeccións é as seccións competitivas un conxunto moi variado de actividades, entre as que destacou sobranceiramente a celebración dun curso de verán da USC, ou a iniciativa Conta onde Vives, realizada conxuntamente con Ponte nas Ondas, e cuxas obras (traballos audiovisuais que amosen lugares dunha e doutra beira do Miño) serán proxectadas no propio Festival nas galas de apertura e peche, os días 24 e 27.

Tamén haberá moita música, a través da proxección de filmes acompañados de intérpretes en directo, que lles porán son ás imaxe. No Festival poderase ver The General musicado por Nikouala DJ Set, Nosferatu por Biarooz Dj Set, e Len Lye+Osamu Tezuka, por Laa Laa Ressonance. Tamén actuarán Colectivo Oruga o sábado 26, precedendo a unha Gala de Fados.

Podes consultar aquí o programa completo


4.43/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: