Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A taxa desaparece no 90% dos casos

O Goberno deixará de recadar 75 millóns de euros coa reforma do imposto de sucesións

O PP di que é a máis "cicateira" do Estado e pide a eliminación total. Pola contra, o BNG propón revisar as rebaixas introducidas nos tramos máis altos.

Redacción - 17:45 14/07/2008

O Parlamento acolleu este luns o debate e votación do Ditame elaborado pola comisión parlamentaria de Economía e Facenda sobre o proxecto de lei galega de medidas tributarias en relación co imposto sobre sucesións e doazóns. A reforma legal saíu adiante cos votos de PSdeG e BNG e a posición en contra do PP.

Segundo o conselleiro de Economía e Facenda, Xosé Ramón Fernández Antonio, o imposto queda "modernizado e máis xusto, adaptado á realidade desta comunidade". O conselleiro insistiu no "consenso social" co que contaría esta reforma e destacou que o 90% dos galegos non pagarán tributo por esta taxa, quedando exentos os pequenos e medianos patrimonios, e indicou o "tratamento beneficioso" que segundo el se lle outorgará a transmisións de vivenda habitual e participacións empresariais. A Xunta calcula que serán en total uns 75 millóns de euros os que se deixen de recadar.

Non é da mesma opinión o PPdeG, desde onde cualificaron o acontecido de "oportunidade perdida", criticando que a taxa "vana seguir pagando os que a facían, pero de xeito máis inxusto". "Galiza quedará no furgón de cola en competencia fiscal", afirmou Alberto Sueiro, voceiro de Economía do partido. "Chega tarde", reprocha Sueiro, para quen esta é "a máis avarenta de cantas teñen impulsado as diferentes comunidades autónomas".

Por outro lado, o voceiro do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, expresou o apoio do seu grupo á reforma argumentando que "entre o perigo conservador de eliminar este imposto e o risco de manter todo igual, debilitando a competitividade,", Galiza "elixiu o camiño da reforma en profundidade, facéndoo máis social". Desde o BNG, Carlos Aymerich, indicou o acordo da súa formación coas reformas introducidas, pero advertiu de que o Bloque vai propoñer "seguir traballando na mellora deste imposto" unha vez que entre en vigor, en aspectos como a revisión das rebaixas nos tipos máis altos.

O PP di que se opta por "falta de equidade e progresividade"
Entre os problemas que desde o PP din ver na norma, están as diferenzas de tratamento fiscal a fillos, netos ou bisnetos, e as modificacións en función da idade. Segundo o exemplo detallado por Alberto Sueiro, no caso de dous irmáns de 23 e de 26 anos, o máis novo cun patrimonio preexistente de 1 millón de euros, e o maior traballando por conta allea e sen bens en propiedade, cunha mesma base impoñible de 200 mil euros, o pequeno non tributaría e o maior tería que aboar máis de 12 mil euros. Para Sueiro, a reforma promulgada practicamente carecerá de efectos para os fillos que herden dos seus pais "porque, por fortuna, a maior parte dos herdeiros, teñen máis de 25 anos".

O problema da competencia fiscal "desleal"
Ao respecto da argumentación do conselleiro de Economía, segundo o cal os cambios "responden aos desafíos en materia de competencia fiscal", de forma que Galiza quedaría nunha "posición vantaxosa" respecto ao seu ámbito.

Fronte a esa opinión, o PP agoira que "non supón avance algún que permita poñer freo á crecente deslocalización de empresas e capitais que se rexistra en Galiza cara comunidades que ten suprimido este tributo, como Castela e León ou Madrid, entre outras". Ao fío, o voceiro do BNG demandou do Estado que empregue as súas potestades para estabelecer "unhas regras mínimas que impidan esta competencia" que cualificou, mesmo de "fraudulenta".


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: