Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CREATIVIDADE A ESGALLA

Os guionistas estadounidenses levan as súas creacións á rede

Nos meses de folga elaboraron guións independentes da industria que agora lanzan na súa propia televisión.

Redacción - 13:00 10/07/2008

Foron tres meses de folga, pero non tres meses para folgar. A creatividade non pecha por moita precariedade laboral que nos oprima e unha boa mostra é a iniciativa que os guionistas de series norteamericanas veñen de poñer en marcha. Chámase 'Strike.tv', é dicir, a televisión da folga, mais o nome tamén fai referencia ao golpe, descubrimento ou choque que supón un proxecto tan innovador.

A idea xurdiu entre piquete e piquete, nos que os responsábeis de series como Pai de Familia, Friends, Frasier ou The Office, decidiron crear esta plataforma para dar cabida a novos traballos, totalmente orixinais e, ademais, creados con absoluta liberdade. Precisamente a liberdade creativa para os seus guións é unha das máximas que preside o proxecto. Ademais, formularon tres promesas: a de crear unha 'rede social' de guionistas para o século XXI que incorpore a todos os profesionais do cine; montar unha plataforma de distribución de vídeo en alta definición, é dicir, coa mellor tecnoloxía posible; e demostrar que é posible que os profesionais de Hollywood obteñan beneficios ao difundir o seu traballo a través de novos canais.

Ata o de agora, poderán visionarse un total de 40 obras na súa televisión. Entre os primeiros títulos están 'Global Warming', con Aasif Mandvi, 'Unknown Sender', de Steven E. de Souza ou 'Five or Die', de Tom Holland. Xa no eido económico, o proxecto costou ata o de agora menos de 10.000 dólares, e a súa recadación dos tres primeiros meses destinarase a 'Actors Fund' para compensar as perdas sufridas polos actores durante a folga.


Ligazóns

4/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: