Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xurxo Rodríguez, alcalde de Castrelo de Miño

"Está claro a quen beneficia Madrid con este atropelo"

O rexedor dun dos concellos máis afectados polo decreto do catastro, norma española en favor das eléctricas, critica o pau do executivo estatal aos municipios.

    Redacción - 09:00 09/07/2008

    Eran as mellores terras do Ribeiro, recordan os veciños do lugar sobre os terreos hoxe en día asolagados polas augas do encoro de Castrelo de Miño. Décadas despois de arramplar con terras de privilexio a prezo de saldo, a empresa eléctrica que explota este salto na actualidade vaise ver beneficiada polo Decreto 1464/2007 de 2 novembro, onde se estabelecen as normas técnicas de valoración catastral. Segundo esta modificación legal, as empresas do sector eléctrico gozarán de reducións medias de entre o 40e o 50% na cota a aboarlle aos municipios.

    No caso concreto de Castrelo de Miño, trátase dun recorte na taxación catastral que baixa de 16 a 9 millóns de euros. Ademais, os coeficientes correctores aplicados en función do tipo de embalse, lonxitude, antigüidade e outros criterios, reduce aínda máis a cota, deixándoa con probabilidade en apenas o 20% da cantidade que pagaban até o de agora. Para un concello pequeno como é o de Castrelo, isto implicará se cadra a perda de arredor de 200 mil euros, caendo o seu orzamento por baixo do millón de euros (o goberno local xestionou 1,2 millóns o último exercicio).

    "Un pau moi forte" para un concello de dous milleiros de veciños onde a dispersión complica e encarece a prestación de servizos, segundo explica para Vieiros o seu rexedor, o nacionalista Xurxo Rodríguez. "Fálase moito de autonomái local e de mirar pola suficiencia financeira, pero aquí vemos o que sucede na práctica: intromisión e ataque a uns ingresos consolidados", quéixase o rexedor, quen cualifica de "atraco" o acontecido e láiase de que unha vez máis o goberno español lexisle "en favor das empresas eléctricas, que son as principais beneficiarias" deste cambio.

    O alcalde ourensán confía en que a chegada ao Senado da iniciativa recente do BNG poña o asunto nas axendas e poida corrixirse. A Federación de Municipios Afectados por Encoros, colectivo que defende os intereses de ducias de concellos en todo o Estado, estuda xa o procedemento legal a seguir para loitar contra a situación. Non descartan ter que acudir finalmente á vía xudicial para resolver o problema.


    4.73/5 (11 votos)


    Sen comentarios

    Novo comentario

    É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

    Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: