Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Asinado por Xunta, CCOO, UXT e patronal

Acordo pola Competitividade: 300 medidas que a CIG di "subvencionan o empresario"

"Semella que o único xeito de ser competitivos é aumentando a explotación directa sobre o traballador", afirman os nacionalistas.

Redacción - 19:25 07/07/2008

Perto de 300 medidas e un investimento de 7.886 millóns de euros co fin de mellorar a competitividade e a produtividade nun momento de desaceleración económica. O Acordo pola Competitividade 2008-2011, asinado este luns por Xunta, patronal e os sindicatos CCOO e UXT, pretende situar Galiza en pé de igualdade cos territorios máis desenvolvidos.

Non pensan de igual xeito dende a central nacionalista CIG. Xustifican a súa ausencia do mesmo xeito que o fixeran o 13 de novembro de 2006 cando abandonaron a mesa de diálogo: as medidas adoptadas até o de agora "levaban aparelladas partidas destinadas á subvención directa aos empresarios, mais non para o desenvolvemento de sectores produtivos básicos para Galiza".

"Semella que o único xeito de ser competitivos é contendo ou baixando os salarios, flexibilizando as condicións laborais e as xornadas e aumentando, polo tanto, a explotación directa sobre o traballador", critican dende a CIG. Defenden, en troques, "a mellora da produción e da calidade do produto"; mais non que este sexa máis barato "porque se reducen os custos de produción á conta de rebaixar as condicións laborais".

O Acordo pola Competitividade 2008-2011 baséase en cinco eixos: desenvolvemento e modernización empresarial (con 1.295 millóns de euros); demografía, mercado de traballo e capital humano (1.232); I+D+i e sociedade da información (1.013); as redes de transporte e infraestruturas enerxéticas (1.958) e medio e equilibrio territorial (2.368 millóns).

Conselleiros socialistas e un director xeral nacionalista

No acto estiveron presentes os conselleiros de Traballo, Ricardo Varela; de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio; de Medio Ambiente, Manuel Vázquez; e de Política Territorial, María Xosé Caride (todos do PSdeG), acompañando ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, así como o director xeral de Industria, Anxo Calvo (do BNG).

Por parte da patronal asinaron o pacto -que complementa o Acordo polo Emprego ratificado en febreiro de 2007- o presidente da Confederación de Empresarios (CEG), Antonio Fontenla, e os secretarios xerais de UXT, Xosé Antonio Gómez, e de CCOO, Xan María Castro, que lamentou a "tardanza" deste texto.

Touriño subliñou que a estratexia económica do país debe pasar por "aproveitar as vantaxes competitivas do territorio galego, desenvolver todas as súas potencialidades e capacidades endóxenas, para acrecentar o poder de atracción de proxectos e investimentos innovadores".


3/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: