Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NON AOS RECHEOS

Presentan máis alegacións contra os portos deportivos

A piques de pecharse o prazo, o colectivo ecoloxista Anduxía, de Bueu, revélase contra o Plan director de instalacións náutico deportivas.

Redacción - 11:45 05/07/2008

Van xa para tres meses dende que se presentara este novo plan, un documento chamado a reordenar os espazos portuarios da costa e que, porén, deseñou un litoral cheo de portos deportivos. A previsión é a de triplicar os amarres actuais, e pasar, en doce anos, dos 11.668 aos 32 mil, unha cifra que supera as prazas para iates que ten a costa italiana, a belga ou a portuguesa.

Piden a realización dun novo estudo, máis coherente
A Plataforma para a conservación do litoral de Bueu, ANDUXÍA, vén de presentar as súas alegacións, nas que solicita a modificación do Plan para que sexa coherente cos principios sobre os que teoricamente se sostén, que son o desenvolvemento sustentábel e o máximo respecto ao medio.

En concreto, piden a realización dun novo estudo da demanda que non se basee nun futuro crecemento urbanístico insustentábel, e a retirada de todos os proxectos que o Informe de Sustentabilidade Ambiental (ISA) cualifica como con risco de interferencia alta ou moderada. Aseguran que da posta en marcha do plan se derivarían danos en zonas protexidas, sobre a dinámica do litoral e sobre os recursos mariños.

Doutra banda, piden que non se consideren as medidas preventivas propostas no plan para minimizar as afeccións ao medio natural, como o transporte de area a praias danadas ou a recolocación da actividade marisqueira. Asemade, demandan a retirada de todos os proxectos de construcción de nova planta e a retirada do Plan director de todos os proxectos de mariñas secas que supoñan a ocupación de novos recheos no mar.

Litoral de Bueu
A Plataforma pon como exemplo dos prexuízos que causará o plan o proxecto do porto deportivo de Bueu. É unha obra de nova planta, conta con alta probabilidade de interferencias sobre a dinámica litoral, concretamente sobre as praias de Petís, Loureiro, Agrelo e Portomaior. Ademais, a súa construción afectaría un dos bancos marisqueiros máis productivos da zona e conlevaría recheos gañados ao mar.

Anduxía lamenta tamén que de non ser tomada en consideración a súa alegación estariamos ante un "plan constructor de portos deportivos", que ampliaría a desfeita ecolóxica que as obras portuarias veñen causando no litoral galego nos últimos anos.

Actualmente en período de exposición pública, pódense presentar alegacións ao Plan director de instalacións náutico deportivas de Galiza ata o vindeiro 17 de xullo.


5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: