Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
EN GALEGO

Política Lingüística recorda que o castelán "non é lingua ameazada" en Galiza

A secretaria xeral vén de presentar unha nova campaña para a promoción do galego: "En Galego tes todo por vivir. Tócache!".

Redacción - 17:00 03/07/2008

'En galego, tes todo por vivir'. Este é o lema da nova campaña que vén de lanzar a Secretaría Xeral de Política Lingüística e que se marca o obxectivo de impulsar a nosa lingua. Esta iniciativa terá presenza nos medios de comunicación e establece como franxa de idade prioritaria a da mocidade, por ser un colectivo con baixo uso do idioma, malia a súa ampla competencia no seu coñecemento.

Verbas como 'semente', 'axóuxere' ou 'chorima' son empregadas na campaña, que se basea no xogo de palabras encadeadas. Ademais das cuñas publicitarias, contempla outras propostas abertas á participación. Unha delas serán os 'xogos familiares', que se organizarán en espazos públicos para favorecer a transmisión familiar do idioma. Tamén se pon en marcha a web palabrasencadeadas.com, na que xa está aberto un concurso para achegar imaxes nas que estean capturadas palabras en galego. Asemade retomarase a 'Xeración E logo', que consiste no reparto a todas as mulleres embarazadas de material para a interacción cos pequenos en galego.

Críticas ás plataformas contra a normalización
Na presentación da campaña, a secretaria xeral de política lingüística, Marisol López, lamentou os intentos de protexer o castelán en Galiza, unha lingua, dixo, "que non está ameazada". Dixo que é ao galego ao que lle queda un "longo camiño por andar", porque perviven moitos prexuízos sociais, como demostra por exemplo a súa case nula utilización no ámbito económico.

Xa en declaracións a Vieiros, Marisol López, tivo tamén unhas palabras para o 'Manifesto por la lengua común' en defensa do castelán que veñen de asinar coñecidos persoeiros galegos. López recorda que a protección do castelán xa está contemplada na constitución e asegura que este tipo de iniciativas non teñen ningún sentido, xa que non hai tal conflito lingüístico. Dixo que o que se pretende dende o seu departamento é que o galego teña os seus espazos de uso en equilibrio co castelán.

A Mesa contesta
A presentación desta campaña xa xerou reaccións. Dende a Mesa pola Normalización Lingüística pediron xa a súa suspensión e piden que o diñeiro se reinvista en introducir o galego en ámbitos nos que está excluído. O Presidente deste colectivo, Carlos Callón, afirma que na Secretaría Xeral de Política Lingüística "sobra propaganda e faltan medidas". Acusa a este departamento de non investir en que se dobren filmes ao galego, que haxa material pedagóxico en galego ou que non pon en marcha ningún proxecto para garantir o dereito da atención en galego nas diferentes administracións. De igual xeito, Callón di que Política Lingüística vive allea aos problemas das persoas que queren desenvolver a súa vida en galego e que só adica os cartos públicos ao autobombo.

Doutra banda, a Mesa valorou positivamente as declaracións de Marisol López desacreditando as campañas existentes na defensa do castelán e piden que este tipo de manifestacións sexan máis frecuentes.


Ligazóns

4,82/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: