Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Luís Sepúlveda, escritor

A tarefa pendente no mundo: "Un proxecto alternativo realmente de esquerdas"

De visita en Galiza, Luis Sepúlveda reflexiona que a nivel oficial "non hai interese por dar a coñecer o proxecto de Allende" porque "é tan fermoso que resulta subversivo".

Redacción / EP - 09:00 27/06/2008

"Foi o líder máis preclaro que tivo América Latina", explicou o escritor chileno Luís Sepúlveda, quen este xoves ofreceu na Coruña unha conferencia baixo o título "Allende vive". Na opinión de Sepúlveda, o presidente Allende foi capaz no seu tempo de describir, "anticipándose ao seu tempo", algunhas cousas "máis fundamentais e que hoxe en día lle afectan á humanidade".

O escritor recordou por exemplo que a capacidade como intelectual de Salvador Allende xa lle permitiu na altura de 1971 teorizar con brillantez e advertir fronte ás Nacións Unidas sobre o perigo de "crecemento incontrolado das grandes empresas multinacionais que xa empezaban a substituír decisións inherentes aos estados". "Agoirou o paulatino debilitamento destes en favor das grandes empresas", relatou Sepúlveda, laiándose de que naquel momento as reflexións de Allende non foran comprendidas.

Como exemplo da capacidade transformadora das políticas que pretendía impulsar o daquela presidente de Chile, lembrou Sepúlveda a súa teima en que non se convertese "nun país recolector e miserábel que deixou de ser competitivo no que todo se importa a prezos prohibitivos". E porén, o país pasou de ser o segundo exportador de téxtil do mundo, tras Inglaterra, a non exportar nin un só metro, "e o mesmo pasou co cobre manufacturado onde era o primeiro exportador do mundo e pasou a ser un país que non exporta nin un centímetro", explicou.

A esquerda "alternativa" necesaria
Na súa intervención, Luís Sepúlveda, afirmou ademais que se o ex presidente estivese vivo, "estaría a prol da "gran tarefa pendente" a nivel mundial de "conseguir un proxecto político alternativo e realmente de esquerdas" que, na súa opinión, "non existe dende a caída do muro de Berlín".

Laiouse Sepúlveda do proceso de negociación co ditador chileno Augusto Pinochet e criticou que no seu momento "a xente de esquerdas tivo que decidir entre quedar orfa ou aceptar como pai putativo ao neoliberalismo e elixiron o segundo". Con todo, amosouse esperanzado de que a partir de movementos como os xerados arredor do Foro Social Mundial poida loitarse contra a falta de ideas para que iso poida xurdir. "Na actualidade confúndese democracia con capitalismo salvaxe", reflexionou, considerando que a niveis oficiais "non hai interese por dar a coñecer o proxecto de Allende" porque, segundo el, "é tan fermoso que resulta subversivo". Así e todo, Sepúlveda dixo confiar no espírito e a esperanza dos mozos. "Estiven hai pouco en Italia cunha esquerda humillada nas últimas eleccións e os únicos con esperanza eran os mozos", relatou.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: