Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MALESTAR NO SECTOR CRÍTICO

O congreso do PP evidencia a súa división interna

Redacción - 16:45 22/06/2008

A derradeira xornada do XVI Congreso do PP comezou coa primeira reunión do novo Comité Executivo, no que finalmente non se incluíu a boa parte do sector máis crítico. Esperanza Aguirre, que di ser "o verso solto dentro do poema", así o denunciou á entrada. Aguirre dixo que "falta moita xente do partido por integrar". A presidenta do PP madrileño retomou a frase de Gallardón, e asegurou que "agora" é ela "o verso solto dentro do poema", tras configurarse a nova dirección do partido, na que dixo botar "en falta" a "moitas persoas" como Ignacio González, Francisco Selectos, Gabriel Elorriaga, Carlos Aragonés, Manuel Pizarro ou María San Gil.

As queixas de Esperanza Aguirre pola composición da nova dirección do PP suscitaron algunhas reaccións entre dirixentes do partido, entre eles, o ex ministro de Defensa Federico Trillo, quen asegurou que "o que non estea é o que non debeu estar".

En consecuencia, na xornada deste domingo algúns dirixentes deste sector crítico non estiveron presentes nas xuntanzas. Entre eles ausentáronse Ignacio González e Francisco Granados, os "número dous" de Aguire no Goberno rexional e no PP madrileño.

O 21% non votou a Rajoy
Malia a que non se presentaron listas alternativas, Mariano Rajoy conseguiu a cifra máis baixa de apoio para o principal responsábel do PP nun Congreso dende 1990. Rajoy foi reelixido co apoio do 78,8% dos compromisarios acreditados. En total, emitíronse 2.643 sufraxios dos cales 2.187 apoiaron a candidatura de Rajoy, 47 foron nulos e 409, en branco. Sumando as abstencións, as papeletas nulas e os votos en branco, un 21,2% dos compromisarios non aprobou a candidatura do presidente do partido.

O vicesecretario de Comunicación do PP, Esteban González Pons, destacou hoxe que un resultado "case próximo ao 90 por cento deixa ben ás claras o grao de integración que se produciu" no partido. "Ata agora -continuou- non sabiamos cantos apoios ten Rajoy, pero agora xa contamos os votos" e o 84 por cento dos votos emitidos "son de Rajoy, só o resto puidesen ir, se fosen capaces de organizalo, a unha candidatura alternativa".


4.2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: