Héctor Soto Castellanos é o novo ministro do Poder Popular para a Cultura, segundo Gaceta Oficial N° 38.955, substituíndo así a Farruco Sesto Novás despois de tres anos dirixindo o Ministerio.
Soto é o segundo ministro de Cultura da revolución bolivariana, porén, non é nova a súa participación dentro deste campo do Goberno venezuelano, en dúas ocasións ocupou o cargo de viceministro de Identidade e Diversidade Cultural, e de Director de Secretaría do Gabinete Ministerial.
Héctor Soto Castellanos estivo á cabeza dun novo e ambicioso proxecto denominado Cultura Corazón Adentro Misión Socialista, e recentemente anunciou o programa Misión Cultura Poder Comunal que busca fortalecer o traballo nas comunidades e en particular cos Comités de Cultura dos Consellos Comunales, segundo a Agencia Bolivariana de Noticias.
Soto manifestou que "é unha soa tarefa a que temos desde o Ministerio do Poder Popular para a Cultura, que é chegar ao máis profundo do tecido social do pobo venezuelano coa actividade cultural".
Ademais, salientou que coa xestión de Farruco Sesto logrouse a presenza das políticas e accións culturais en todo o territorio nacional "cunha política de inclusión e desconcentración da actividade cultural".
O designado ministro formou parte do Consello Presidencial para a Explosión do Poder Comunal, e durante a súa actividade na equipa de Sesto enfocou esforzos na participación comunitaria dentro da xestión cultural.
Este ano esperan licenciar cinco mil persoas na Misión Cultura, ás que Soto cualificou como “un exército de activadores culturais ben preparados, convertidos en líderes comunitarios de procesos culturais”.