Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Voto exterior

Touriño: "Consideraría un fracaso que os emigrantes non votasen en urna"

O BNG presentará unha moción no parlamento español e propón un pleno extraordinario no Hórreo para xuño. O PPdeG dubida do PSdeG.

Redacción - 19:25 19/06/2008

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, recoñeceu esta quinta feira que "consideraría un fracaso que os emigrantes non puidesen votar en urna" e manifestou o seu desexo de que o poidan facer "canto antes", a ser posíbel nas vindeiras eleccións ao Parlamento.

Touriño, á saída do Consello de Goberno, asegurou que non faltará ao seu "compromiso en todos os niveis", aínda que tamén lembrou que "as cousas teñen o seu procedemento en democracia". E incidiu: "Quen marcou os tempos, quen enarborou a bandeira, quen levou isto ao Parlamento ten nome e apelidos: o presidente do Goberno galego", destacou.

Ademais, criticou os que "querían facer un compendio teologal sobre a emigración", en referencia ao BNG sen nomealo, referíndose ao abandono dos nacionalistas do relatorio creado para abordar este asunto, porque consideraban que non se estaba a resolver o problema de raíz.

Moción no parlamento español
Precisamente, os nacionalistas vanlle reclamar o vindeiro martes ao goberno español no Congreso que "tome a iniciativa" e promova un proxecto lexislativo para reformar a Lei Electoral, segundo anunciou esta mesma quinta feira o voceiro nacionalista en Madrid, Francisco Jorquera.

Nunha conferencia de prensa conxunta co seu homólogo no Hórreo, Carlos Aymerich, Jorquera anunciou que o BNG presentará ademais unha moción neste senso, para que o "parlamento español promova a reforma".

Aymerich, pola súa banda, anunciou que proporá aprobar a proposición non de lei na Cámara galega o luns 30 de xuño en pleno extraordinario, evitando habilitar xullo, e acelerando aínda máis os prazos parlamentarios. "É unha forma legal e regulamentaria", afirmou.

O PPdeG dubida do PSdeG

Para o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, "se hai vontade política" é "posíbel" reformar a Lei Electoral para que os residentes ausentes poidan votar en urna. No entanto, considerou que a postura do PSdeG sobre este asunto é unha "incógnita".

Feijoo reiterou que "o que quere" o PPdeG é levar a cabo esta reforma antes das eleccións ao Parlamento e, tras considerar probado o compromiso do BNG e do PPdeG nesta liña, suxeriulles aos nacionalistas que "convenzan" os seus socios de Goberno para que "cumpran a súa palabra".


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Touriño, esta quinta feira logo do Consello da Xunta
Touriño, esta quinta feira logo do Consello da Xunta
Francisco Jorquera e Carlos Aymerich, en conferencia de prensa esta quinta feira
Francisco Jorquera e Carlos Aymerich, en conferencia de prensa esta quinta feira
Alberto Núñez Feijoo instou ao BNG a "convencer" o PSdeG da necesidade de levar a cabo a reforma
Alberto Núñez Feijoo instou ao BNG a "convencer" o PSdeG da necesidade de levar a cabo a reforma