Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reforma

O BNG esixe cambios antes das eleccións estatais para volver á mesa do voto emigrante

Carlos Aymerich considera que hai que garantir a transparencia dos comicios antes de ampliar o dereito ao sufraxio.

Redacción - 18:45 19/06/2007

O BNG non participará no relatorio de reforma do voto emigrante se non se modifica a lei electoral antes das eleccións xerais. Así o anunciou o voceiro parlamentario da formación, Carlos Aymerich, despois de que o Bloque abandonase o relatorio o pasado xoves.

Aymerich engadiu que os dous grupos que permanecen na comisión, o socialista e o popular, terán que explicar o vindeiro xoves se o cambio se fará efectivo a tempo, pois os nacionalistas non desexan que os emigrantes sigan votando nas mesmas condicións que agora. Tamén criticou que os socialistas aprobasen, un día despois da saída do BNG “por responsabilidade política”, darlles a nacionalidade aos netos de emigrantes galegos sen tentar reformar a lei electoral.

O voceiro nacionalista asegurou que, a partir de agora, haberá máis de medio millón de persoas con dereito a voto pero nas mesmas condicións de escasa transparencia que tiñan até agora. Asemade, acusou os socialistas e os populares de quereren que os emigrantes voten “para manipular o seu voto” e “sen recoñecer ningún outro dereito”.

Segundo Aymerich, hai que tomar medidas como darlles facilidades aos emigrantes para o seu retorno, a integración laboral e educativa e analizar os procedementos de voto antes de estendelo.

Vicepresidencia da ALE
Onde si estará o BNG a partir de agora é nunha das vicepresidencias da Alianza Libre Europea (ALE), grupo do que forman parte 32 organizacións. Ana Miranda, responsábel da comisión de Migración e Asuntos Europeos do Consello Nacional ocupará unha das vicepresidencias da executiva europea. A ALE “ten como obxectivos defender a plurinacionalidade en Europa e a diversidade nacional, cultural e lingüística”, explicou Miranda.

Dende o cargo, o BNG aspira a fortalecer as súas relacións cos partidos da ALE e facer visíbel a súa posición de cara ás vindeiras eleccións europeas, que se desenvolverán no ano 2009. O papel dos nacionalistas galegos dentro do partido europeo será estabelecer relacións con América Latina. Tamén se implicará na creación dunha fundación de eido comunitario en que colaborará a Fundación Galiza Sempre.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: