Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ana Lorenzo, Fed. de Cooperativas Sinerxia

Construír empresas "onde as persoas priman sobre os beneficios"

Conversamos sobre a economía social en Galiza coa presidenta da Unión de Cooperativas de Traballo Asociado Eixo, e representante da Federación de Cooperativas Sinerxia.

R.Noguerol - 09:00 17/06/2008
Ana Lorenzo Vila

Ana Lorenzo Vila

Darlle a coñecer á sociedade o modelo da economía social, a través de experiencias galegas, estatais e internacionais exitosas foi o obxectivo principal das Xornadas internacionais de Economía Social organizadas pola CIG e a Federación de Cooperativas Sinerxia a pasada fin de semana. Un conxunto de debates e intercambio de ideas coa fin de promover un debate sobre modelos económicos que faciliten o camiño cara a sociedades máis igualitarias, solidarias e sostíbeis. Ao respecto, falamos con Ana Lorenzo Vila, presidenta da Unión de Cooperativas de Traballo Asociado Eixo, e representante da Federación de Cooperativas Sinerxia.


Á luz do programa e das experiencias que se viron nestas xornadas de economía social, diríamos que estamos diante dun debate necesario que a miúdo ten pouca luz?
Penso que as experiencias de economía social funcionan con máis facilidade cando a xente non ten outras opcións, é dicir en certos ámbitos de pobreza ou en proceso de desenvolvemento. O problema noutros contextos son as lóxicas competitivas que funcionan como freos a este tipo de oportunidades. Non é casual por exemplo que no caso de Galiza, o sector cooperativo abrollase con forza sobre todo no sector primario. E tamén é certo que a nivel micro, cando conviven relacións de cooperativismo con relacións empresariais competitivas clásicas, a cooperativa sempre está en desvantaxe e sufrirá presións diversas. Unha eiva até o de agora foi precisamente que o noso movemento cooperativo tivo problemas moitas veces para defenderse. Non houbo estratexias fronte a situacións complicadas. Agora estanse explorando mecanismos novidosos, e por exemplo a intercooperación é unha das vías. Estamos nese camiño, pero son cousas que se andan despacio.

Polo que vostede coñeza do cooperativismo noutras xeografías, hai factores diferenciais en Galiza que faciliten ou ao contrario obstaculicen o desenvolvemento do cooperativismo?
A nosa cultura non ofrece oportunidades para aprender os resortes do cooperativismo. Non é algo que se divulgue extraordinariamente. Pero en todo caso, penso que hai estereotipos e prexuízos que estamos vendo que non son reais. O de que os galegos sexan máis individualistas ou que este é o país dos minifundistas, penso que mirando polo miúdo son concepcións que se caen. De feito, nós investigamos e comparamos o contexto galego con outros e chegamos á conclusión de que hai máis similitudes que diferenzas. Á fin, o que sucede basicamente é que onde hai xa de por si máis empresas, tamén vai haber máis cooperativas. Pero tamén é claro que temos o mesmo potencial para desenvolvermos fórmulas de cooperación. Non hai nada na nosa identidade que implique que accedamos menos a iso.

O encontro presentouse como mostra de exemplos de empresa onde prima a persoa, subliñando conceptos como o de solidariedade, que experiencias exitosas destacarías ti nese sentido?
As xornadas ofreceron esa oportunidade para ser mostra de experiencias e á vez serviron para outra meta máis ambiciosa: debatermos sobre o que podemos achegar desde unha perspectiva social para enfrontar os problemas de exclusión e pobreza derivados do modelo económico actual. Nese traballo de ir máis aló de constituírense en algo máis ca unha cooperativa como fin en si mesma e ser conscientes da capacidade de contribuír a outros modos de ver e facer as cousas, hai cooperativas que se significan máis ca outras. En todo caso, son bastantes as que teñen esa vocación. Polas xornadas pasaron bos exemplos: desde por exemplo Tagén Ata, que desenvolve servizos de normalización lingüística e comunicación integral con ferramentas de software libre, até Xoaniña, unha cooperativa de consumo. Tamén exemplos de fóra, como o caso de LaVeloz, unha cooperativa aragonesa que a partir do seu proxecto de mensaxería en bicicleta botou adiante outras iniciativas, como un taller de reparación ou a venda de bicis. É un tipo de cooperativa que se esforza máis por modelos de organización especialmente democráticos, que atende a formas de respecto ao medio ambiente, igualdade... Formas de articularse máis ambiciosas.

Tamén houbo tempo para coñecer experiencias de Latinoamérica ou Portugal...
No caso de Lationamérica foi moi interesante ver como hai casos onde desde a militancia política se apoiaron proxectos cooperativos. É moi importante ver como o cooperativismo pode pasar a incorporarse como peza básica neste ámbito. Vimos modelos creados en Arxentina, que combinan por exemplo traballo e construción coa fin de garantir o acceso a vivenda, tamén fábricas de xestión cooperativa, tanto arxentinas como venezolanas. Chegadas de Portugal expuxéronse experiencias de cooperativismo de consumo vencelladas ao mundo sindical, promovidas cun discurso que trata de facerlle fronte aos modelos habituais e crear unha visión crítica fronte á agresividade publicitaria que nos bombardea, pulando por formas de consumo máis conscientes.

E en Galiza, cales son as esixencias máis destacadas que se poñen na mesa á hora de demandarlle ás administracións a implicación en favor do cooperativismo?
No caso galego houbo unha actitude colaborativa desde hai anos que permitiu no básico fixar moitas liñas de consenso. Agora mesmo, os requirimentos que necesitamos neste sentido son por exemplo, a axuda para seguir afondando na mellora da capacidade de xestión: é dicir, moitas veces as cooperativas están formadas por xente moi voluntarista pero sen formación específica en cuestións empresariais. Iso acaba debilitándonos. Tamén hai que facer máis esforzo na potenciación de valores que favorezan outras lóxicas económicas e outro dos desafíos e conseguir maior visibilización social.

A implicación da administración neste escenario non pasa de considerarnos unha peza máis, aínda que importante, sen que exista unha aposta ambiciosa. A lóxica que move os gobernos non é excesivamente pro-cooperativismo e non só non hai privilexios para as cooperativas por exemplo no caso de concursos públicos, senón que mesmo se chega ao paradoxo de que se organice un Día do Cooperativismo e se contraten no mercado servizos externos sen ir primeiro aos servizos similares que ofrecen empresas cooperativas.

Que significa neste contexto, como punto de inflexión para o cooperativismo en Galiza, unha iniciativa como a da Federación Sinerxia?
Aínda non sendo un dos proxectos con máis historia no cooperativismo galego, nacemos en 1994, si é a primeira experiencia que agrupa a sectores diferentes para xuntar forzas cara a un traballo conxunto. E todo nesa procura de afianzar novas formas de entender a economía desde unha perspectiva cooperativa, democrática, sustentábel e solidaria. Somos case un cento de cooperativas de catro ámbitos: de consumo (Árbore, Xoaniña e Eirado), de traballo (58), do mar (6) e de ensino (28). Xa que logo o proxecto a finais ded 2007 involucraba xa a 2.750 persoas, sendo 950 persoas socias traballadoras, 1500 socios usuarios e 300 asalariados. En 2006 acadamos xa os 50 millóns de euros de facturación.

E que desafíos prioritarios se marca Sinerxia a curto prazo?
Destacaría tres fundamentalmente. Un primeiro proxecto importante é a posibilidade de crear un sistema propio de financiamento. Xente que aposte por investir os seus aforros no desenvolvemento, promoción e captación do cooperativismo. Fixámonos xa en modelos precedentes que están funcionando en Cataluña, Aragón e outros lugares, e trataremos de impulsalos adaptados ao noso país.

Outro desafío é o avance na xestión profesionalizada. Desenvolvemos un programa de bolseiros co obxectivo de que logo vaian permanecendo na estrutura e asuman tarefas de xerencia. No fondo, temos que facer a tarefa de construír un novo perfil sobre o que as universidades non están ofrecendo ningunha titorización no ámbito económico.

Un terceiro proxecto en plena expansión é o impulso de redes de consumo consciente e ecolóxico, como é o caso de Árbore, Xoaniña e Eirado, en Vigo, Ferrolterra e Santiago respectivamente. Proximamente xurdirán proxectos similares noutras cidades. A partir de aí irase desenvolvendo unha estrutura de apoio.


3.67/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: