Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Facer cultura, facer país

"Para que exista unha cultura, hai que vivila"

Galiza entregou esta fin de semana por vez primeira os seus Premios Nacionais da Cultura. En palabras de Méndez Ferrín, premiado no apartado de literatura, "unha iniciativa destinada a prevalecer por séculos".

R.Noguerol - 09:30 15/06/2008

"É unha porta aberta cara a nós mesmos", falaba unha emocionada Mercedes Peón, Premio Nacional da Música, e primeira en recoller, da man do gaiteiro Xosé Manuel Budiño, a escultura de Ignacio Basallo que recibiron todos os galardoados. Nunha áxil cerimonia celebrada nun Pazo de Congresos de Santiago cheo para a homenaxe aos premiados, a propia Mercedes Peón foi a encargada de abrir o acto, cunha actuación musical acompañada de bailaríns do Centro Coreográfico Galego, que ofreceron durante a noite dous anacos do espectáculo "Quiosco das almas perdidas".

Luciano García Alén, vicepresidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, subiría a continuación para recibir o Premio Nacional de Cultura Tradicional e de Base, o galardón co que se recoñece a traxectoria en favor da normalización da cultura galega dunha institución nada no momento en que morría a ditadura e se abría un horizonte de liberdades democráticas. "É o premio á culminación dun esforzo colectivo", expresou o representante do Museo. De seguido, Manuel Gallego Jorreto subiu a recoller o Premio Nacional de Arquitectura e Espazos Públicos, e nunha brevísima intervención chamou a "lembrarse máis da arquitectura e menos dos arquitectos".

"O noso xeito de mirar o mundo"
Nun dos momentos máis aplaudidos, Isaac Díaz Pardo, Andrés Fernández Albalat e Silvia Longueira, subiron en representación do Laboratorio de Formas, na quenda do Premio Nacional de Iniciativa Cultural. "A min, que non son un ninguén no Laboratorio, non me doen prendas en falarlles con claridade", comentou Díaz Pardo, quen a continuación relatou unha anécdota con Alfonso XIII e Unamuno de protagonistas. "Cando o escritor recolleu o premio presumiu de que tiñan razón os outorgantes porque era un recoñecemento merecido, e ante a sorpresa do moncarca, que comentou que os outros premiados afirmaran non ser merecentes, retrucou que tamén eles tiñan razón", contou Díaz Pardo entre os risos dos presentes.

Foi quenda a continuación para Francisco Díaz-Fierros, Premio Nacional de Pensamento e Cultura Científica. Agradeceu Díaz-Fierros o propio feito de terse creado unha modalidade do galardón que recoñeza expresamente "a significación e achegas da ciencia" á cultura do país. "Ciencia e técnica inflúen nos coñecementos, no comportamento e á fin no xeito de mirar o mundo", afirmou o galardoado. "O científico bebe de fontes universais, pero debe ser tamén home do seu tempo e do seu espazo, enraizar o coñecemento nunha cultura determinada", reflexionou o catedrático.

A cultura, vento tolo e imparábel
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, foi o encargado de recoller o Premio Nacional de Patrimonio Cultural, un mérito para a cidade que recibiu "co orgullo e a satisfacción de termos confiado en nós mesmos, como cidade, na nosa xente e nos nosos técnicos, tendo fe nos nosos recursos e posibilidades". Lores subliñou que se trata dun galardón importante para a cidade do Lérez, que ve así recoñecido o esforzo pola recuperación e posta en valor do seu patrimonio, e referiuse a un proceso que na súa opinión "elevou a autoestima e orgullo de vivir en Pontevedra". "É un exemplo de que tendo confianza no país, pódense dar grandes pasos tamén desde o local", dixo.

Margarita Ledo recibiu o Premio Nacional de Cine e Audiovisual adicando o galardón á "troupe de animadores do pensamento" que pariu frases tales como aquela de Carlos Velo que ela se encargou de lembrar: "Serei ditoso o día que vexa un filme en galego subtitulado en castelán". "Están creadas as condicións para un novo cinema galego", afirmou Ledo. Subiu a continuación Manuel Lourenzo, Premio Nacional de Artes Escénicas, quen botou man dunha referencia cunqueiriana para indicar a súa convicción de que "o teatro tamén, ou é un vento tolo ou non será nada", subliñando a continuación o seu convencemento de que por moitas portas que se lle pechen ao teatro, "acabará por tumbalas". Lourenzo pechou ademais a súa intervención cun recordo afectuoso para o actor Tuto Vázquez, "un dos grandes profesionais deste país que se chama Galiza", dixo o dramaturgo, subliñando a última palabra, "Galiza".

Francisco Leiro recibiu das mans de seu amigo Antón Reixa o Premio Nacional de Artes Visuais, adicándollo a súa familia e a Cambados, "o sitio onde me criei". Finalmente, Xosé Luís Méndez Ferrín, recolleu o Premio Nacional de Literatura. "Adícolle o premio á xente que amo", dixo o escritor, estendendo ademais o recoñecemento a todos os escritores, "vivos e mortos" da súa propia xeración", e prognosticando ademais que estes premios nacionais son unha iniciativa "destinada a prevalecer por séculos".

Rematou así unha cerimonia organizada pola Consellaría de Cultura en colaboración coa TVG, e producida polo equipo do espazo cultural Miraxes. Os presentadores deste programa cultural, Miguel Fernández e Xandra Tedín, foron de feito os encargados de conducir un acto, que pechou a propia Tedín, expresando que "unha cultura, para que exista, hai que vivila".

A Galega mudou os premiados polos Space Cowboys

Paradoxalmente, e malia a importancia da cita, que contaba ademais coa presenza dos representantes das principais institucións do país, comezando polo presidente e vicepresidente da Xunta, a TVG elixiu emitir en diferido a cerimonia. Á hora en que Ferrín, Leiro ou Díaz Pardo recollían os galardóns, os televidentes do país podían ver na canle pública o filme estadounidense Space Cowboys, dirixido por Clint Eastwood.



Ligazóns

5/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: