Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xosé Antonio Orza, ex conselleiro de Economía

"Co financiamento, o Goberno non consegue poñerlle música á letra"

Falamos co ex responsábel de Economía na Xunta sobre as diversas posicións no debate arredor do financiamento autonómico.

Roberto Noguerol - 09:00 10/06/2008
Xosé Antonio Orza, á beira do actual conselleiro, durante o traspaso de poder en 2005

Xosé Antonio Orza, á beira do actual conselleiro, durante o traspaso de poder en 2005

O ex responsábel de Economía na Xunta considera que desde o Goberno e o executivo español non se fixo o esforzo necesario na procura do consenso en materia de financiamento autonómico e critica que a Xunta se limite a unha "exposición xenérica" neste asunto.



Non sei se será pola lea coa que anda o partido a nivel estatal, pero pareceu até o de agora un chisco desdebuxada a proposta do PP sobre o modelo de financiamento autonómico... ou é que lles divirte quedar vendo como se pelexan gobernos do propio PSOE?

Nós esperabamos que houbese unha proposta concreta do Goberno que fose bastante máis aló dese documento xenérico inicial que hai apenas un mes que lle achegaron aos grupos parlamentarios. É un texto descritivo que só serve para comezar, dáse o bandeirazo de saída á carreira pero sen que pareza haber unha estratexia para chegar a meta.

A nosa petición, así o expuxemos no Parlamento, era que se promovese un debate sereno e que se tentase acadar un documento consensuado. A propia posición do conselleiro de Economía á hora de ir a Madrid sería máis doada e iría máis reforzado se chegase co apoio asinado de todos os grupos parlamentarios.

E por que non foi posíbel até o de agora afondar nese sentido. Refírome ao feito de que non se coñeza un nivel moi grande de concreción?

Dun lado están as propias dificultades que a nivel interno puideran ter entre si as dúas beiras do bipartito. Por outra parte a propia consideración que desde a consellaría puideran ter sobre o grao en que iría coas mans atadas. Ao meu ver, a percepción debería ser que pensar entre todos cal é a mellor posición e estarmos de acordo nas claves do que é bo para Galiza, é un esforzo que paga a pena facer.

Que claves vai achegar o PPdeG para ese debate posíbel?
Se por exemplo de suficiencia falamos, a primeira posición é non perder posicións relativas. Se se está falando de incrementar o financiamento para o conxunto, como mínimo temos que esixir que a Galiza lle corresponda tanto como agora mesmo. Non podemos apandar coa perda de posicións relativas. E ao tempo hai que mirar polo financiamento adicional para atender novas responsabilidades.

Tamén hai que subliñar as variábeis. Aí estaremos de acordo na importancia de ter en conta a dispersión e o avellentamento, e haberá que ver cales outras e en que circunstancias, desde a propia orografía até a mesmo climatoloxía. Pero mesmo no caso da dispersión e a idade, non falamos de factores iguais en todos os territorios. Por exemplo, no caso da dispersión hai que salientar a necesidade de que se teña en conta tamén no que lle toca á sanidade. Igual que o peso da variable idade debe aumentar, xa que aínda que está contemplada, non cobre o custo real. A frecuentación é unha variable da que non se está falando, e debe terse en conta, porque cambia segundo o territorio o grao de uso dos servizos públicos e privados.

Respecto da autonomía financeira, todos estaremos de acordo en que debe existir. Quen ten capacidade para decidir canto e en que se gasta tamén debe tela para ingresar. E hai que pensar que se non hai capacidade normativa, non hai autonomía.

Sexamos ambiciosos logo, por que non... ?
Unha cousa son as ilusións contábeis, e outra a realidade. Hai unha afirmación perigosa, que sosteñen aqueles que din que Galiza podería ter capacidade abondo para manter as súas necesidades. Unha hipótese que contradín os traballos que en materia de balance fiscal se veñen realizando, en maior ou menor medida, todos rexeitan esa afirmación.

Esa idea bate coa insuficiencia de Galiza para atender as súas necesidades no xeito en que se fai agora mesmo. Hai que subliñar que non só debe pensarse non orzamento da Xunta, tamén no das deputacións e concellos, e no que o propio Estado aínda gasta no país. Ademais, por outra banda, non se pode deixar de lado os servizos de carácter central que o Estado mantén, de Exteriores a Defensa, e que se supón que seguiremos pagando entre todos. Nese contexto falamos dunha insuficiencia de Galiza para atender as súas necesidades de até 3 mil millóns de euros, unha cifra que, se introducimos a Seguridade Social no paquete, chimpa aos 7 mil millóns.

Por iso, eu creo que é mellor non falar de ilusións fiscais, e permanecer na realidade. Teimar en posicións diferentes é darlles argumentos gratis aos que van contra a solidariedade. Nós debemos ser máis pragmáticos. O modelo catalán arremeda o sistema de cupos e á fin busca non só non devolver nada, senón que aínda lle sobrarían case 2 mil millóns de euros. No momento en que o Estado non apareza para redistribuír, saímos perdendo.

Temos a percepción de que se fala demais de tirapuxas políticos, de apañar cada quen o que máis poida, pero sen ir ao fondo das realidades socioeconómicas de cada zona? Ten pendente o Estado facer análises en profundidade sobre os custos diferenciais de servizos?

Vai ser moi difícil avanzar por aí. Pero é moi necesario. Eu levo desde hai anos insistindo en que debe realizarse un mapa de servizos. Para min é unha chave desde a que hai que partir: unha análise polo miúdo que nos diga con exactitude quen está por riba e quen por baixo en cada caso, e facilite a partir de aí o debate con argumentacións máis próximas á realidade. O que temos agora é unha percepción limitada, é dicir, cando chega a hora de poñerlle música á letra, quedámonos nunha exposición xenérica

Incluso o enfrontamento entre os gobernos socialistas, foi belixerante mesmo sen coñecer detalles das propostas... Por que tantos reparos, tanto en Xunta como oposición á hora de marcar as posturas?
Evidentemente, no momento en que se poñan todas as cartas por riba da mesa será máis doado chegar a un esquema de consenso. Eu creo que o propio conselleiro xa insinuou dun xeito o suficientemente claro por onde ía o obxectivo que pretende marcar. Falou de chegar ao 90% do ingreso galego a través do IRPF, IVE e impostos especiais, manter a porcentaxe do investimento territorializado e mais fondo de suficiencia. Se se di que o obxectivo marcado está aí, cuantificando nese límite a insuficiencia que respecto do sistema sofre Galiza, e calculamos que iso implica mil millóns máis, existirá a sensación de que se fracasa no momento en que non se acade esa meta.

E na inercia das nivelacións, e por estratexia ou circunstancia política diversa, poderiamos chegar a un escenario onde un goberno autonómico renuncie a mecanismos de presión fiscal sabendo que no peto lle van poñer os recursos necesarios igualmente... vostede como o ve?
Ao meu ver, a idea é que o modelo de financiamento debe garantir os cartos para que en función das súas competencias todas as comunidades autónomas acaden un nivel de servizos similares en calidade. Ten que existir unha media nese eixo de calidade, e o Estado ten que garantir eses recursos.

Agora ben, o que queira pular por riba do estándar sabe que necesita de máis investimentos. Xa que logo, se por exemplo, queremos ter unha cama por habitación de hospital e non tres, todo o que sexa mellorar por riba da media son recursos que necesariamente o goberno autonómico debera espremer desde o contorno dese ámbito tributario propio. Pero nunca atopármonos con que por exemplo en Galiza necesitásemos dun esforzo fiscal superior para ter o mesmo nivel de servizos ca os demais.

Por que pensa o PP que bilateralidade e solidariedade son incompatíbeis? O feito de que Galiza ou Cataluña estabeleza un diálogo bilateral impide un diálogo multilateral adicional?
A negociación debe ser multilateral. É un tema de suma cero, onde a conta ten que dar a suma exacta. Non se pode pechar bilateralmente unha posición e logo chegar ao Consello de Política Fiscal e Financeira vendo que as contas non cadran. Outra cousa é que haxa contactos e que se vaian conformando as posicións aos poucos.

Pero aquí en realidade o que está acontecendo é que hai convidados con maior peso político, por seren necesarios para a gobernabilidade nun momento dado. Forzados por iso, vemos que o goberno español apanda cun recoñecemento de bilateralidade para Cataluña que á vez pretende non rachar a aparencia dunha multilateralidade.

Imos en Galiza con desvantaxe ao aprazarse a reforma do Estatuto? Non quedaría máis clara a necesidade do noso país de terse conseguido aquel consenso?
Sen entrarmos nos motivos de por que non se conseguiu ese acordo estatutario, no asunto que aquí falamos, eu creo que estamos en situación de poder pactar unha posición común de igual xeito. Nese sentido, eu penso que ese acordo estatutario se podería substituír por un acordo parlamentario que para o desafío que agora nos ocupa, fixase con claridade a posición consensuada polo Parlamento. Na práctica, nós, desde o PP, tratamos de que iso fose así.


3,75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: