Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
VII Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa

"Compartir escenario cos nosos irmáns de lingua é moi máxico"

No medio dunha nova fase creativa e cunha nova vocalista, a terceira que pasa polo grupo, desta volta a portuguesa Sara Vidal, responde ás preguntas Bieito Romero, de Luar na Lubre.

Ponte nas Ondas - 09:00 06/06/2008

Luar na Lubre acadou na gala dos Premios da Música, o pasado 3 de Abril, o recoñecemento de Mellor Album Tradicional por "Camiños da fin da terra" e Mellor Canción en Galego co tema "Canto de andar".

Veñen así de conseguir un pleno de oito premios en todos aqueles a que o grupo estivo nomeado.

Ponte...nas ondas! falou con Bieito Romero:

A vosa traxectoria está asociada ao recoñecemento exterior máis que en Galiza?
Afortunadamente non, nós tocamos en prácticamente todos os concellos da Galiza e a xente sempre amosou moito agarimo nos nosos concertos, aquí seguimos a vender unha cifra moi importante de discos e sentímonos moi recoñecidos, iso si, duns anos para a esta parte estamos a tocar con moita frecuencia fóra de Galiza e a nosa música é tamén moi valorada, eis os premios e os concertos que se multiplican ano tras ano.

Dez traballos discográficos e unha nova fase con Sara Vidal, unha voz que chega desde Portugal. Que supuxo a incorporación de Sara Vidal?
A voz de Sara é un impulso de ar fresco na nosa traxectoria, ten unha voz moi característica na que confluen Galiza, Portugal e o Atlántico e isto parécenos moi interesante; ela é a terceira vocalista que pasa por Luar na Lubre e a verdade é que estamos moi contentos co seu traballo.

O voso traballo coa tradición musical galega é meritorio, estades a facer unha nova reinterpretación da música tradicional, ese é o camiño?
Hai varias maneiras de traballar en Luar Na Lubre, o noso é un traballo en equipa e iso fai que teñamos un son tan característico, e desde este xeito de traballar reinterpretamos a música tradicional, compoñemos sempre coa base das nosas músicas e en case todos os nosos discos facemos un “cover” (versión) dalgún tema que para nós ten un significado especial.... Isas son as 3 vias fundamentais de traballar en L.N.L.

Cal é o voso diagnóstico do estado do noso patrimonio inmaterial?
É un legado de valor incalulábel e aínda moi vivo e latente que debemos activar para que non esmoreza co paso dos anos; eu considero moi importante a vosa iniciativa porque marca un ponto de partida importantísimo cara a recuperación da nosa identidade como país.

Este patrimonio cultural común con Portugal, está suficientemente descrito e divulgado ?
En absoluto, eu creo que a maioría dos galegos descoñece a riqueza que ten ao seu redor, penso que é moi necesaria a súa divulgación dende as escolas, dende as diferentes asociacións culturais e sociais do país e por suposto dende a política para que un porcentaxe cada vez máis importante de galegos sexa consciente do que nos estamos a xogar coa nosa identidade común.

Cres que o patrimonio inmaterial galego-portugués merece ser recoñecido como Patrimonio da Humanidade ? Credes que debe ter outra oportunidade ?
Por suposto que si, non so dúas, senón as que fagan falla, eu considero que un recoñecemento deste tipo sería un bo xeito de activar mecanismos que mellorarían considerabelmente a súa situación actual. Nós, nos nosos concertos polo mundo facemos sempre moito fincapé da nosa estreita relación con Portugal e o público queda sempre moi curioso.

Como ves o labor que está a realizar Ponte...nas ondas! ?
Paréceme moi interesante e necesaria para fortalecer as relacións entre dous pobos irmáns separados inxustamente, e sendo vós, os rapaces os que estades a facer este traballo máis importante aínda xa que o futuro é voso.

O tema desta XIV edición é Identidade e territorio. Que temas vosos pensades que encaixan mellor nesta temática como recurso para os centros educativos ?
En moitos dos nosos temas está moi presente a nosa identidade como pobo, falamos da terra, falamos das xentes, das que están aquí e das que tiveron que emigrar, falamos das nosas máis vellas tradicións e ensalzamos a galeguidade, creo que estes valores nos definen, e no tocante a temas concretos cada un ten a súa propia historia e particularidade pero creo que calquera das dúas palabras que nomeas na túa pregunta están presentes en todos.

O día 6 ides compartir escenario con Vozes da Radio, Socorro Lira e Avelino García na VII Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa, que supón este encontro en Vigo ?
Nos tivemos a gran sorte de ter estado con certa frecuencia tanto en Brasil como en Portugal e temos traballado con músicos destes países e iso, a verdade, nos enche de satisfacción, sabérmonos posuidores dunha lingua que se estende por diferentes puntos do planeta e que nunha noite de xuño poidamos compartir escenario baixo o ceo de Vigo cos nosos irmáns de lingua é moi máxico.

Noraboa polo voso traballo, a xente coma vós co facho da ilusión acendido permanentemente é a que nos fai ter a ilusión de loitar pola nosa identidade de cara un futuro incerto.


4,98/5 (41 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: