Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Na Semana Galega do Medio Ambiente

Sogama ábrelles as portas aos veciños para explicar "a nova filosofía" da empresa

A mellora da xestión integral dos residuos e os programas de educación ambiental, son algúns dos temas que a empresa quere trasladarlles aos veciños.

Redacción - 17:30 04/06/2008

Agárdase que arredor de medio milleiro de veciños dos concellos de Cerceda, Carballo, Laracha, Tordoia, Trazo, Ordes, Mesía, Oroso, Frades e Boimorto pasen durante esta semana polas instalacións da Sociedade Galega do Medio Ambiente, Sogama. A empresa pública deseñou para estes días un programa de actividades co que quere achegarlles aos cidadáns os detalles da xestión e tratamento dos residuos urbanos e os novos proxectos nos que traballa a entidade. A empresa quere ademais "agradecer a solidariedade mostrada coa cidadanía" do resto do país por parte dos veciños das localidades máis próximas.

A visita inclúe sesións didácticas onde monitores especializados informan sobre a problemática dos residuos, reparando especialmente nas achegas que individualmente cada cidadán pode facer para "contribuír á redución na produción de residuos en orixe, á reutilización e á reciclaxe". Segundo Xosé Álvarez, presidente desta entidade pública, trátase de accións necesarias para que a sociedade, que durante todo o ano xa recibe unha media de até 8 mil visitantes, permaneza en contacto coas demandas da sociedade, poida "mellorar a xestión" e á vez "preste un servizo público de calidade ao conxunto da cidadanía, da que esperamos o seu apoio e comprensión".

Reorientación e novos proxectos
Desde a empresa, destacan o punto de inflexión promovido desde setembro de 2005 cara a "unha nova filosofía de empresa", da que aseguran que responderá máis estreitamente á función de "actuar como instrumento operativo ao servizo da política ambiental da Xunta, colaborando co goberno na protección, conservación e mellora do medio ambiente no seu conxunto". Unha nova etapa coa misión de "contribuír ao desenvolvemento sustentábel" a través da integración "harmoniosa e equilibrada do crecemento económico, o progreso social e a protección ambiental".

Nese sentido, salientan media ducia de eixos: a mellora e optimización da xestión integral dos residuos a través de programas de innovación tecnolóxica cos que prevé incrementar nas súas instalacións a recuperación de envases e residuos de envases procedentes do lixo en masa, contribuíndo deste xeito a acadar as porcentaxes de reciclado esixidas pola Unión Europea. Tamén a promoción e cooperación en proxectos de enerxías renovábeis, tanto para difundir a súa utilización como para concienciar e sensibilizar á sociedade sobre os beneficios ao medio ambiente. Un terceiro punto é a participación en programas de I+D+i, dos que é exemplo o proxecto “Otersu”, que ten coma obxectivo a creación dun Observatorio de Tecnoloxías de Tratamento de Residuos Sólidos Urbanos.

Doutra banda, citan a o apoio á educación ambiental, a través de programas específicos de concienciación, espazos radiofónicos, concursos escolares, edición de material didáctico e participación en foros e congresos especializados. Tamén a cooperación internacional ao desenvolvemento, dos que é exemplo a recente asesoría en materia ambiental en Romanía. E por último, a promoción de políticas sociais, destacando a incorporación ao Proxecto “En Plan de Igualdade”, no marco da iniciativa comunitaria Equal.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: