Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Resumo das xornadas celebradas en Lugo

Tranvía, tren de proximidade, intermodalidade... Desafíos do transporte

"Pode e debe haber progreso respectuoso co medio ambiente" e de paso mellorar a calidade de vida dos cidadáns.

Redacción - 14:00 26/05/2008

"A batalla polo tren da alta velocidade e do tren de proximidade engloba unha problemática complexa que visa sobre as perspectivas que temos para o noso país en relación co mundo (...) A natureza pode se preservada, non tendo menor nivel de vida, senón outra forma de vida e outras tecnoloxías". É unha das reflexións que recollen as conclusións das xornadas sobre transporte organizadas pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza en Lugo, posiblemente unha das a nivel estatal "peor comunicadas" por liña ferroviaria.

As xornadas comezaran coa intervención da Directora Xeral de Transportes da Xunta, Mar Chao, quen expuxo as iniciativas ao abeiro do PITGAL (Plan Integral do Transporte de Galicia) que tenta abranguer todos os modos de transporte (tren e outros medios tranporte de viaxeiros e mercadorías). A representante da Xunta admitiu que hai "moito sen facer", desde o despregue dunha rede galega de camiños de ferro até a aposta polas estacións intermodais, pero insistiu en que son cuestións que están na axenda do Goberno.

Interviu tamén Xosé Manuel Beiras, quen advertiu sobre a necesidade de mudar o modelo de transporte individual e colectivo, orientándoo cara a unha estratexia que teña en conta a viraxe no futuro enerxético que se vén enriba. Iso require un modelo territorial de ordeación que hoxe por hoxe aínda non existe e, menos, un modelo alternativo", dixo Beiras, chamando a que a cidadanía aumente a presión sobre o poder político neste sentido.

O impacto do urbanismo no transporte
"O urbanismo galego, que provén da copia do urbanismo anglosaxón, é o que obriga ao uso continuo dun vehículo privado", apuntou Emilio Fernández, director xeral de Desenvolvemento Sostible. Fernández falou da "obsesión" pola construción de estradas e do sistema deseñado "para conxestionar e para que o uso do automóbil sexa necesario".

"Non existe ningún planeamento urbanístico novo en Galiza en que non haxa un parque industrial e un centro comercial illado da cidade, e é algo que a cidadanía agora percibe como algo normal", laiouse. Na súa opinión, "vivir dispersos é un problema enerxético e caro, pouco eficiente, que consume enerxía masivamente". Por este motivo, Fernández recoñeceu a necesidade de que as administracións aposten polo fomento do transporte colectivo metropolitano e o tren de proximidade, e tamén sinalou que os grandes polígonos industriais non deberan planificarse sen acceso ao tren de mercadorías.

Pola súa banda, o ex deputado europeo Camilo Nogueira iniciou o seu discurso cunha análise histórica ao respecto do despregue do tren en Galiza, para pasar a avaliar os avatares da chegada da alta velocidade. Así por exemplo, Nogueira recordou que o AVE no eixo atlántico xa formara parte hai unha década da Estratexia Territorial Europea, mesmo figurando no Libro Branco de Transportes. Tamén advertiu de que xa daquela se reivindicara que o tren de alta velocidade se construíse usando os Fondos de Cohesión, que paradoxalmente foron destinados a liñas en Andalucía, Madrid ou ao propio aeroporto madrileño de Barajas.


4.4/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: