Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
"Redución, reutilización, reciclaxe"

A lei de residuos inclúe lista de sancións e obriga da "reparación" do medio

A norma esixiralle a determinadas empresas a realización de "autoanálises" ambientais todos os anos.

Redacción - 15:00 22/05/2008

O Consello da Xunta botou adiante esta quinta feira o proxecto de Lei de Residuos de Galicia, deseñado pola Consellaría de Medio Ambiente, a quen lle corresponderá xunto cos concellos a vixilancia e control do cumprimento desta norma. O Goberno presenta que a norma fomente a "redución, reutilización e reciclaxe" dos residuos e consiga un avance na "valorización e optimización nos procesos de eliminación".

A nova lexislación fixa as infraccións posíbeis e as sancións correspondentes, introducindo ademais o principio de "reparación e restauración do medio ambiente alterado" con independencia do castigo imposto. No caso de infraccións por abandono ou vertedura de residuos derivados de consumo privado, permitirase que os concellos fixen como alternativa ás multas a "prestación persoal de servizos de limpeza na vía pública".

As infraccións clasifícanse en leves, graves e moi graves, movéndose as multas en cantidades de até 600 euros no caso das leves, e entre os 30 mil e os 1,2 millóns de euros no caso das máis graves. Tamén se poderá solicitar a inhabilitación dos sancionados para a súa actividade por un prazo de até dez anos.

"Contratación verde"
Unha das novidades da lei é a consideración nos contratos administrativos, do gasto derivado da correcta xestión dos residuos. A desagregación deste custo dos pregos de condicións, preténdese que estimule o que se cualifica de "contratación verde", fomentando a aplicación de procesos máis respectuosos co ambiente na actividade da administración.

A optimización de instalacións, aplicación de técnicas de produción limpa e o uso de mecanismos que reduzan ao mínimo os residuos serán algúns labores aos que as empresas de diversos sectores deberán atender. Con esa fin, estabelécese o requirimento da realización dunha "autoanálise ambiental" cada ano. Créase ademais a chamada "auditoría ambiental" a través da cal, a administración, en colaboración coas empresas, traballará para a identificación dos seus puntos críticos en materia ambiental "e a cooperación con estas para a adopción de medidas que melloren a súa ecoeficiencia".

Por outra parte, lei recolle un seguro de responsabilidade civil e a prestación de fianza ou garantía á cal quedan suxeitas tanto as actividades de xestión de residuos, sometidas a autorización, como os produtores de residuos.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: