Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
LIBROS DE TEXTO

Editores e libreiros presentan un estudo que reforza a súa crítica ao sistema de empréstito

Advirten dos prexuízos do modelo adoptado pola Xunta para a industria cultural do país e para a normalización da lingua.

Redacción - 09:18 08/05/2008

Editores, libreiros e distribuidores reafirmáronse este mércores na súa aposta por un modelo de gratuidade a través de axudas directas canxeábeis mediante bono-libro ou tarxeta electrónica, que cualifican de "pedagoxicamente eficaz", "economicamente viábel" para a administración e que asegure o mantemento dos sectores editorial e libreiro do país. Un modelo de gratuidade contraposto ao escollido pola Xunta en 2003, e baseado no empréstito de libros. Ao tempo, amosaron o seu optimismo pola receptividade que nestes momentos atopan na administración galega para reformular definitivamente o modelo escollido "con precipitación" no seu tempo.

A Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Libreros de Galicia (FLG), que lle encargaron a realización do estudo ao grupo de investigación PSICOM da USC, defenden que o seu modelo, aplicado en Asturias ou Cantabria, non é máis gravoso para a administración que o de empréstito, adoptado por Galiza, Aragón ou Castela A Mancha. En concreto Galiza gastou o pasado ano ao redor de 108 euros por alumno, unha cifra equiparábel ao doutras comunidades que optaron pola axuda directa. Con todo, non cren que deba fiarse a decisión unicamente a un aspecto de aforro económico, "sería unha cortedade política" e unha "medida populista", afirmaron.

En cambio, basean a súa argumentación nas vantaxes que o sistema de axuda directa tanto a nivel pedagóxico, afortalando dende as idades novas a cultura do libro e o traballo directo do alumno sobre eles, no canto de recorrer ao emprego de fotocopias. Tamén dende o punto de vista do funcionamento interno dos propios centros docentes, que na actualidade teñen que dedicar unha cantidade considerábel de horas á xestión dos libros 'emprestados'. E mesmo para o proceso de normalización da lingua galega no noso país, pois o estudo da USC detectou que a posta en marcha do sistema de empréstito fixo aumentar o uso de textos en castelán, principalmente polo recurso a fotocopias e pola dificultade que atopan moitas editoriais para editar libros de texto na nosa lingua.

Alertaron tamén das dificultades que pode atravesar dentro de dous anos a industria editorial galega e o sector libreiro, pois segundo os ciclos marcados para a renovación de material, no curso 2009-2010 non se incorporarían ao sistema novos libros. Sobre todo as editoriais pequenas, e sobre todo aquelas que están publicando libros de texto en galego, e que en moitos casos non chegan ás tiradas mínimas que aseguren a viabilidade das edicións.

Con este estudo queren reforzar os seus argumentos cunha base científica sólida, amosando ademais que profesores, equipos directivos docente e mesmo os pais de alumnos atopan máis vantaxes no modelo de axuda directa ca no empréstito.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: