Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Debate no Parlamento

"Exercer as competencias" sobre os portos despois de anos de "falta de rigor"

O PSOE criticou os "pecados por purgar" do PP en materia de portos. O BNG denunciou que se financiasen "negocios privados con investimentos públicos".

Redacción - 09:00 23/04/2008

"Falta de rigor" en moitas actuacións e "uso abusivo" dos trámites de urxencia en expedientes para "adxudicar obras a quen lles interesaba", foron algunhas das críticas deixadas este martes no Parlamento pola conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, ao respecto do proceder do goberno do PP en materia de portos. "Non é unha valoración política, é o informe do Consello de Contas de 2004", subliñou a conselleira. Caride criticou especialmente que Portos de Galicia non contaba con plan estratéxico para avaliar a "racionalidade" dos investimentos en función das necesidades reais.

No mesmo debate, o voceiro do BNG, Bieito Lobeira, explicou que a súa formación aposta por "exercer as competencias" sobre os seis portos galegos de interese xeral "para que os nosos barcos teñan servizos dignos". Lobeira laiouse do "problema estrutural" herdado do PP e advertiu que rachar "a inercia" e reforzar o tránsito de mercadorías no país vai ser complicado. "A compatibilización da actividade pesqueira con outros usos" é o camiño polo que aposta o BNG,segundo o deputado do Bloque. Lobeira tamén lle reprochou aos populares que financiasen no seu momento "negocios privados con investimentos públicos".

Por outro lado, o deputado socialista Pablo López Vidal recordou que era o actual presidente do PpdeG, Alberto Núñez Feijoo, quen "capitaneaba" esta materia no momento en que as actuacións de Portos de Galicia se caracterizaban pola "absoluta falta de planificación e racionalización". López Vidal sinalou que o Consello de Contas detectou "irregularidades gravísimas". "Aínda teñen moitos pecados que purgar", díxolles aos deputados do PP.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: