Licenciarte de forma gratuíta ou aprender novos xeitos de relacionarte co saber. Novos proxectos universitarios apostan polo ensino a través da rede.
A universidade entendida da forma convencional é máis lenta, cando non remisa, a experimentar e asumir os cambios en cuestións como a produción e a xestión do coñecemento, os novos modelos organizativos sociais, o desenvolvemento local ou a independencia dos poderes públicos e dos intereses comerciais.
Conceptos como disciplina académica, relacións institucionais, dependencia de organismos e institucións non teñen cabida nas denominadas universidades libres ou piratas que xurdiron en todo o mundo nos últimos anos. O que caracteriza a estas novas institucións é un xeito comunitario, libre, autónomo e cooperativo de producir e concentrar información de dominio público.
"A min o que non me gustaba realmente cando estudaba na universidade tradicional era o enfoque comercial ou mercantil que esta adoptara nos últimos anos. Tamén se notaban moito os intereses políticos e empresariais", explica Paula Álvarez que se está especializando en software libre seguindo os seminarios e talleres da Universidade Nómada.
"Ten hándicaps como que as sesións sexan en aularios diferentes cada vez ou que non tes unha atención tan directa dos relatores, pero sen dúbida é unha opción á vangarda en temas que a min me interesan como o software libre ou as alternativas á mundialización", comenta Paula. "Moitas persoas pensan que como non obtés un título oficial a formación non é de calidade, pero iso non ten nada que ver. Eu tiven por exemplo sesións con conferenciantes de nivel e auténticos gurús, por exemplo Richard Stallman", engade.
Tamén en Galiza
Ademais da Universidade Nómada, no Estado español xurdiron nos últimos anos outras iniciativas como a Universidade Pirata de Barcelona, a Universidade Libre Experimental (ULEX) de Málaga ou a máis recente Universidade Autónoma do Atlántico, asentada no municipio rianxeiro de Taragoña. Estas entidades agrupan colectivos educativos e culturais que sen ánimo de lucro apostan polo desenvolvemento local.
"Vemos a educación e a investigación como unha condición fundamental para saír de patróns de pensamento e de comportamento estancados, nunha repetición perpetua", explican dende a Universidade Pirata. "Queremos dotarnos de saberes que nos permitan analizar e responder á realidade que nos rodea. Por iso urxíanos abrir un espazo onde aplicar o tratamento rigoroso da academia a temas que nas propias institucións quedan nun esquecidos por falta de interese do mercado", engaden.
Aínda que non existen cifras dos alumnos que pasan polas aulas destes espazos, os responsábeis da súa xestión afirman que as estatísticas non son o máis importante. "Estas universidades son espazos experimentais para que creadores e creadoras locais, movementos sociais e culturais, a veciñanza e a cidadanía poidan desenvolver as súas iniciativas e proxectos así como gozar dunha ampla oferta cultural con total liberdade", sinalan dende a ULEX.
As propostas que se poden atopar nestes espazos van dende os clubs de lectura, literatura, teatro ou música, até o ecoloxismo, a integración social, a educación para a saúde, o desenvolvemento sostíbel, o feminismo, as TIC, o software libre ou os saberes tradicionais. Ademais, a formación adoita ser gratuíta ou por un prezo simbólico.
Traballo en Rede
Outros países de Europa e América teñen máis tradición en canto ás fórmulas das universidades piratas. Un bo número destes espazos autónomos de educación e investigación comparten recursos e traballan en rede. Entre eles destacan a Copenhagen Free University en proceso de reapertura, a University of Openess, a Free University of Los Angeles, a Toronto Anarchist Free University, a Informal University in Foundation, a Unilibre de Chile e a Manoa Free University, a Universidade Libre de México, as Université Tangente e Université Pirate, en Francia, a Göteborgs Autonoma Skolas ou a Wikiversidad da Fundación Wikimedia.
As universidades libres e piratas poden funcionar unicamente de forma online ou estruturarse en escolas, que agrupan entidades que comparten áreas de coñecemento, e campus, vertebrados territorialmente. A maioría de universidades piratas, ademais, coinciden en recoñecer as universidades populares como os seus precedentes en canto a estilo formativo e difusión cultural.
Universidades Populares, espazos de educación alternativa
As Universidades Populares teñen a súa orixe nos movementos obreiros do século XIX en Francia e ao Estado español chegaron a principios do século XX pero non conseguiron o pulo necesario até logo da ditadura franquista. Os primeiros centros do Estado naceron en Asturias e a UP dalgunhas cidades, como a de Xixón que é unha das máis activas, contan cun percorrido de máis de 30 anos e foron claves á hora de integrar temas como a inmigración ou as novas tecnoloxías na sociedade.
"En principio, estas iniciativas naceron cunha forte influencia ideolóxica das Institucións Libres de Ensino. Estes proxectos querían estender o saber", explican dende a Federación Española destas entidades (FEUP).
"Hainas de todo tipo, municipalistas ou levadas por entidades sen ánimo de lucro, pero todas teñen en común que apostan polo desenvolvemento local, que buscan a participación da sociedade e que ven a formación como unha forma de mellorar a calidade de vida dos veciños e as veciñas. Inténtase ofrecer calquera actividade que interese á o cidadanía e que non estea cuberta por outros servizos", engaden os responsables de FEUP.
Outras opcións
Na última década, miles de persoas participaron tamén activamente en diversos proxectos de produción de coñecemento comunitario e en múltiples iniciativas de provisión de información de dominio público non comercial como a Universidade das Nais da Praza de Maio, o Debian GNU/Linux, o Open Directory Project, a Enciclopedia Libre Wikipedia e un bo número de bancos de proxectos de software, cultura e arte libres, entre moitos outros.