Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Esta terza feira en Vigo

Galiza e Portugal arman un protocolo para colaborar nos casos de violencia machista

Nunha xuntanza entre fiscais portugueses a galegos saíron estas regras para traballar, en conxunto, na protección das vítimas.

Redacción - 09:00 16/04/2008

Varios fiscais galegos propuxeron esta terza feira en Vigo, nunha xuntanza cos seus homólogos do norte de Portugal, a sinatura dun protocolo de cooperación co Ministerio Público portugués no que se da conta das actuacións máis indicadas para protexer as vítimas da violencia de xénero de ámbolos dous países, tanto nun como no outro territorio.

Así o confirmou o fiscal galego Santiago Arancha Sanjosé, quen afirmou que, tras as xornadas que reuniron a medio cento de fiscais de ámbolos dous países en Vigo, chegaron á conclusión de que "o sistema legal é practicamente o mesmo, e tamén son os mesmos os problemas" os que se atopan nos procedementos abertos por violencia de xénero.

A proposta de protocolo de colaboración presentada xurdiu a raíz das dificultades para controlar as ordes de protección das vítimas ou as posíbeis fuxidas dos agresores, tanto no caso de que as vítimas sexan galegas e os seus agresores portugueses, e viceversa, estean vivindo en territorio galego ou portugués.

Entre as medidas incluídas atópase o emprego de videoconferencias que vai facilitar que un fiscal galego, por exemplo, poida tomar declaración a un suposto agresor que estea en Portugal, e que a vítima poida prestar declaración sen estar a carón do maltratador ou maltratadora.

Unha de cada catro mulleres que acoden a Atención Primaria en Galiza son vítimas da violencia machista

As xornadas foron clausuradas polo fiscal xefe do TSXG, Carlos Varela; a secretaria Xeral de Igualdade, Carme Adán, e o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana.

Durante o peche, Adán desvelou que, segundo os datos recollidos polo persoal do Sergas, unha de cada tres mulleres que acoden a unha consulta de Atención Primaria é vítima de violencia machista. Neste sentido lembrou que a lei galega fai fincapé, ademais de no aspecto penal, no papel dos axentes sociais e sanitarios que poden axudar a denunciar: "é importante o cumprimento de penas, pero tamén que as mulleres se sintan protexidas", salientou Carme Adán.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: