Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
UN CULTIVO MÁIS SUSTENTÁBEL

O trigo do país agroma de novo nas terras da Limia

Medio Rural ensaia a produción de variedades autóctonas para garantir a autenticidade dos pans galegos.

Redacción - 14:45 12/04/2008

Nas últimas décadas o cultivo do trigo autóctono reduciuse á metade. O progresivo abandono do campo e a entrada de novas variedades foráneas reduciron de xeito notábel a produción de trigo do país. Para mudar esta situación, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, dependente da Consellaría de Medio Rural, traballa dende hai anos na recuperación das variedades galegas.

Logo de procesos de mellora xenética o centro conseguiu que en 2006 se incluíse a variedade “Callobre” nos diferentes rexistros. Agora, dous anos máis tarde a Asociación de Produtores de Callobre están coidando da primeira colleita que xa agroma nas terras de Xinzo de Limia á espera da súa ceifa.

Segundo explican dende o Centro de Investigacións Agrarias, na actualidade contan no seu Banco de Xermoplasma con 87 variedades locais de trigo, que proceden de 44 concellos do país. Os científicos queren aproveitar este material xenético para conseguir novas variedade caracterizadas pola súa adaptacións ás diferenetes comarcas galegas

Á busca dunha marca propia para o pan galego
O trigo autóctono destaca por ser rico en proteína e polo seu bo rendemento fariñeiro, algo que se traduce nun pan de sabor suave e con máis capacidade de conservación. Os propios panadeiros consideran que para que un pan galego sexa considerado como tal debe levar entre un 20 e un 50% de fariñas autóctonas

A progresiva introdución de fariñas foráneas puxo en apretos a produción de pan galego. A propia Federación Galega de Panadeiros (Fegapan) e a Consellaría de Medio Rural colaboran para asegurar unha produción suficiente que permita satisfacer a demanda dos profesionais. Os esforzos dos últimos anos non foron de balde. Se en 1998 só se recolleron 15 toneladas de trigo galego en 2007 apañáronse 250.

Mais agora a meta é outra. O centro de Mabegondo e Fegapan intenta poñer os alicerces para unha diferenciación no mercado do pan galego. A estratexia serviría para acabar coa venda fraudulenta do produto, algo que acontece a miúdo fóra de Galiza.

Cultivo sustentábel

O director xeral de Inevstigación de Mabegondo, Gonzalo Flores, subliña que o trigo do país ten vantaxes medioambientais: “En xeral, as variedades autóctonas caracterízanse polo baixo consumo en abono nitroxenado. Ao ser de talle alto, o exceso de fertilizante prexudica o trigo local facendo que medre máis do recomendábel e provocando que a planta caia con maior facilidade”


4,84/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: