Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
San Cidre 2008

Será en Ribadumia

O día 17 de maio, día tamén das Letras Galegas, os grupos do Movemento Rural Cristián de Galicia e as moitas persoas que normalmente nos acompañan, celebraremos este ano a Festa do San Cidre. Será na parroquia de Ribadumia, onde os veciños e veciñas da mesma co seu crego Dositeo nos acollerán e farán todo o posible para que a xornada sexa unha xornada ben cumprida.

Movemento Rural Cristián de Galicia - 19:31 11/04/2008
Tags:

O lema co que este ano celebraremos o San Cidre é o seguinte: “Ollos abertos, mans estendidas”. O lema, coma todos os anos, ten que ver co que estivemos traballando durante o curso que agora se vai achegando ao seu remate. Os grupos do Movemento Rural traballamos coa guía ou metodoloxía esa, moi coñecida de moita xente, que se resume en VER, XULGAR e ACTUAR. Pois ben, durante o presente curso quixemos reforzar este método de traballo, e de aí vén o lema “Ollos abertos, mans estendidas”, que ten que ver coa necesidade de mirar ben canto pasa ao noso redor, para que, despois de telo ben revisado, poidamos actuar de maneira oportuna en cousas que teñen que ver coa vida na aldea.

Desta volta cúmprense os 24 anos de celebracións do San Cidre, desde aquela primeira que no ano 1984 celebramos nos locais do convento dos Pasionistas de Melide. A festa do San Cidre foi sempre unha referencia importante, para todas as persoas que estamos organizados nos grupos do Movemento Rural por diferentes partes de Galicia e para moitos outros homes e mulleres, máis ben do campo, que vemos na festa do San Cidre un punto de encontro, de animación, de motivación para a loita e a festa da vida, sempre coa presenza e co empuxe daquel home de aldea, Xesús, convertido para nós nun guieiro imprescindible para esta tarefa. As celebracións do san Cidre, por suposto, sempre están abertos a calquera persoa que se queira sumar ao alí vivido: ser acollidos e acollidas pola xente do lugar desde as 11 da mañá, celebrar unha misa labrega coa participación de moitísima xente do campo a partir das 12, comer e beber compartíndoo todo sobre as 2 da tarde, e festexar despois coma sempre o sabe facer moi ben a xente da aldea ata as 6 da tarde.

Cada vez máis imos entendendo que non podemos vivir en compartimentos separados; o que se viva no campo afecta deseguida á xente das vilas e cidades, e, á inversa. Como dicía Celso Emilio: “Anque as nosas palabras sexan distintas, e ti negro e eu branco (e ti vilego e eu aldeán), en tendo semellantes as feridas, coma un irmau che falo”. E coma irmáns e irmás queremos estar un ano máis, esta vez en Ribadumia, na compaña de todos e todas cantas nos queirades acompañar nesa xornada de festa que, seguro, unha vez máis ha de resultar de digna e potente lembranza.

Así que, se vos parece ben, alí estaremos, sempre dispostos/as a dar do mellor que teñamos, e a recibir de vós canto de ben queirades ofrecernos.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: