Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Así de fácil, sen sorteos!"

Compras o piso e levas un coche, ou a cociña amoblada…todo vale

Vieiros foi á feira Expovivenda 2008, en Compostela, para tomarlle o pulso ao sector inmobiliario en Galiza.

Antía Rodríguez / Lucía Iglesias (vídeo) - 10:00 13/04/2008
Interface principal da web de Expovivenda 2008

Interface principal da web de Expovivenda 2008

A pesares da enorme moqueta vermella que cubría todo o recinto e a boa presenza dos uniformados que estaban nos postos, en Expovivenda 2008, cheiraba a esterco. Non era un cheiro moi poderoso, pero aparecía por detrás das piscinas, os mobles antigos, os sillóns de masaxe, as duchas, tamén con masaxe, ou as aspiradoras robóticas que repasan o piso soas, entre outras cousas.

Eran os efluvios da feira do gando, que tivo que ser apartada do seu sitio para instalar a feira inmobiliaria, feito polo que protestaron os gandeiros, bloqueando a entrada do predio a pasada semana, porque, a pesares de estaren de acordo coa diversificación de actividades organizadas para o recinto de Amio, ás veces os máis prexudicados son eles, que teñen que ir coas vacas para outro lado.

Á caza do posíbel comprador
Mais, alén do cheiro, tamén había un ar estraño saíndo dos postos, sobre todo dos das inmobiliarias. Non había moitos visitantes, pero os que estaban percorrendo os corredores eran esculcados dende detrás dos mostradores, de arriba a abaixo. Ollábase o que levaban nas mans, a idade que tiñan e as "posibilidades". Era toda a sensación que daba ao entrar... Estabamos sendo observados.

Todos, pero sobre todo os máis vellos, que ían en parellas, preguntando en cada inmobiliaria sobre as promocións máis suculentas, que as había.

"Súper promoción expo: compra a túa vivenda por 0 euros... xa podes saltar de alegría"

A promotora Gestchal sorteaba un Toyota Aygo entre os compradores dos seus pisos en Bembibre; Arial Desarrollos equipábache a cociña enteira, electrodomésticos incluídos; o Grupo Pose García regalaba un Renault Twingo pola compra de calquera vivenda (dá igual o número de cuartos!) das súas promocións de Malpica e Carballo.

Pero a que máis chamaba a atención era a de Fontemar Proyectos, que che paga a hipoteca do primeiro ano, ao tempo que che amobla a cociña enteira (electrodomésticos tamén) e toda a casa.

No seu posto había un mozo novo que explicaba aos interesados en que consiste a promoción (que funciona só durante a feira, para os seus pisos en Noia, Portosín, Porto do Son, Escarabote e Ordes), e que contou que a idea xurdiu nos primeiros momentos de alarma do sector, cando viron que a xente comezaba a se botar para atrás á hora de mercar un piso, sobre todo polos prezos e porque os bancos deixaron de conceder hipotecas ao mesmo ritmo que hai uns meses.

A xente nova precisaba axuda, segundo dixo, e velaí a idea do promotor, que ademais ofrece un desconto equivalente no caso de non querer amoblar o piso ou ter paga a hipoteca do primeiro ano, cousa que, segundo parece, aínda non aceptou ninguén.

"Os prezos non van baixar, tampouco subir... van seguir como están!"

Segundo José Manuel Pose García, xerente do grupo ao que lle dá nome (que estaba de pé, a carón do Twingo que regalan por mercar pisos na Costa da Morte), as vivendas, "a pesares do que din os medios de comunicación, non van baixar". A opinión compártena Jesús Mirás, da construtora Ruafer, e Jesús Rico, dono da construtora Peneliñas SL, que tamén tiñan cadansúa caseta e que están seguros de que a recesión económica non vai afectar ao seu sector, porque eles van seguir construíndo, sobre todo Ruafer, que se dedica ás vivendas de protección autonómica.

O seu representante asegurou que os prezos non baixan porque a compravenda de vivendas está a quedar estancada, mais non reparou en que, de se parar as compras, tamén se ha parar a construción de novos predios. Ou non quixo reparar, como non quixeron moitos dos construtores presentes na feira, que aseguraban que esta crise, para algúns ficticia ("só se está sentindo en Valencia ou en Madrid ou por aí") se vai "desfacer", coma se fose unha madeixa de la esfiañada, antes de chegar a Galiza.

Os construtores e promotores mantéñense na súa, pero compradores non había moitos, e da xente nova á que se dirixen a meirande parte das súas promocións, nin trazas.

Os datos:
Case todas as vivendas que se ofertaban con este tipo de promocións eran segundas vivendas, situadas, sobre todo, en vilas da costa coruñesa. O metro cadrado andaba entre os 1.500 e os 2.000 euros, e o prezo medio nos 90 mil euros (65 mil os apartamentos de un cuarto).


Expovivenda 2008


4/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: