Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Xerados pola navegación pesqueira e deportiva

Sacan toneladas de lixo do fondo mariño do Parque das Illas Atlánticas

Neumáticos, caixas de bebida e envases diversos, aparellos de pesca variados, madeiros, até un carro da compra...

Redacción - 14:00 02/04/2008

Na operación participou un equipo de catro buzos profesionais e até 25 persoas involucradas nos labores de limpeza nas diversas illas, apoiados por dúas embarcacións e un barco con guindastre para recoller os restos acumulados.

Realizouse nun primeiro momento a prospección da área a limpar, a continuación xuntáronse os residuos atopados e posteriormente fíxose a recollida, usando medios especiais no caso dos máis voluminosos. De xeito concreto, desde o Ministerio de Medio Ambiente recoñecen que a zona sometida a limpeza nesta primeira fase é "relativamente pequena" con respecto á superficie total do Parque, pero subliñan que con probabilidade é "a que maior presenza de restos e desperdicios presenta procedente do uso habitual das augas do parque por parte de embarcacións profesionais e recreativas".

Xa que logo, a área incluíu, nas illas Cíes: o peirao de Carracido, coa praia á beira e a praia de Nosa Señora, o peirao de Rodeira e a praia de Figueiras; en Ons: o peirado do almacén, a praia das Dornas e a praia de Area dos Cans; en Sálvora: o peirao do almacén e a praia a pé deste; en Cortegada, fíxose unha limpeza da zona de praias en baixamar.

Segundo a avaliación realizada polos técnicos do ministerio, os residuos proceden da actividade pesqueira realizada no contorno do Parque. "Isto vese reflectido no tipo de restos que se atoparon", sinalan, precisando que unha gran maioría eran "neumáticos vellos procedentes das defensas dos barcos e peiraos". Tamén se retiraron moitas pezas de roupa impermeábel, botas de goma e restos de artes de pesca. En zonas próximas aos peiraos apareceron ademais "restos procedentes dos subministros periódicos ás illas, como caixas de bebidas, tellas, sacos...".


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: