Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
RENOVACIÓN DO PLENO

As mulleres entran no Consello da Cultura

María Luísa Sobrino e María Xosé Agra convértense en membros electos, sumando agora cinco representantes femininas dun total de 26.

Redacción - 11:23 02/04/2008

Van ser cinco, o que non é moito, se temos en conta que o pleno do Consello da Cultura Galega (CCG) está formado por 26 persoas, entre representantes institucionais e membros electos, pero por algo se empeza. As catedráticas universitarias María Luísa Sobrino (membro da Ponencia de Artes Plásticas) e María Xosé Agra (directora da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura) foron elixidas onte polo máximo organismo de goberno do CCG como membros electos, e acompañarán a Ramón Villares (Presidente), Henrique Monteagudo (secretario), Ramón Castromil, Xosé López García, Ramón Máiz Suárez, Francisco Río Barja, Iago Seara Morales e Victor Fernández Freixanes.

Os restantes dezaseis membros complétanse cos representantes das institucións públicas e entidades culturais, entre as que hai outras tres mulleres: Ánxela Bugallo (conselleira de Cultura), Helena Villar (Fundación Rosalía de Castro) e Rosario Álvarez (Instituto da Lingua Galega).

María Xosé Agra considera os dous nomeamentos realizados onte como "un salto importante" para a normalización da muller na institución, aínda recoñecendo que a súa participación nos órganos de decisión é aínda pequena. Nos últimos tempos o traballo da Comisión Técnica de Xénero e da Comisión de Igualdade está tendo unha grande influencia na actividade do Consello da Cultura, non só na posta en marcha de investigacións relacionadas co traballo cultural realizado por mulleres, senón polo aumento da presenza da muller en todas as actividades do CCG, de xeito transversal. Un bo exemplo é a existencia de puntos de vista femininos nos actos de celebración do seu 25 aniversario, ou a participación de expertas e investigadoras moi relevantes en ciclos de conferencias como Os Sentidos das Culturas, por exemplo Anne-Marie Thiesse, que estará en Compostela o 24 de abril, e Anne Phillips, que chegará en xuño.

Outros cambios no CCG

O Pleno do Consello aprobou tamén modificacións na súa estrutura, reagrupando as trece Seccións actuais en seis áreas temáticas e convertindo a Sección de Cultura Galega no Exterior nunha Comisión de Acción Exterior, dependente da Comisión Executiva.

O Consello da Cultura conmemora en 2008 o seu vixésimo quinto aniversario con diversas actividades. Nestes días, ademais, a celebración é visual, e a institución, situada no Pazo de Raxoi, na praza do Obradoiro, decora os seus dez balcóns coa imaxe deseñada por Revisión para esa conmemoración.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Pleno do Consello da Cultura Galega
Pleno do Consello da Cultura Galega
María Xosé Agra presenta unha mesa de debate sobre María Mariño
María Xosé Agra presenta unha mesa de debate sobre María Mariño