Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

Hoxe as letras son para os pequenos

Cultura e Gálix presentan en Oleiros dous novos títulos da colección 'Lagarto Pintado'. Ademais, xa se pode descargar a revista 'Galician Books 2008'.

Redacción - 11:01 02/04/2008

As celebracións galegas do Día do Libro Infantil e Xuvenil teñen como centro Oleiros, onde se está a desenvolver a Semana do Libro e a Lectura. Alí a Consellaría de Cultura e Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) presentarán dous novos títulos da colección Lagarto Pintado: as compilacións de contos De cando a primavera cría que era inverno, dirixido a menores de dez anos, e Tres blues e un rap, para maiores desa idade.

O primeiro título está composto por catro relatos de Carlos Labraña, Carlos López, Xosé Ballesteros e María Reimóndez, con ilustracións de Marta Álvarez. Mentres que Tres blues e un rap confórmano catro contos de Xerardo Quintiá, Lourdes Maceiras, Marcos S. Calveiro e María Canosa, con imaxes de Ramón Trigo. Pero os actos non se reducen a Oleiros, senón que en todas as bibliotecas municipais de Galiza levaranse a cabo actividades dirixidas a rapaces e mozos, coa vista posta xa no 23 de abril e a celebración do Día do Libro.

Esta celebración conmemora dende 1967 o aniversario do nacemento de Hans Christian Andersen. Cada ano unha sección do IBBY (The International Board on Books for Young People) encárgase de escoller un tema e un autor e de mandarlle unha mensaxe aos cativos. Este ano é a quenda de Tailandia e o autor Chakrabhand Posayakrit, que titulou o seu texto Os libros instrúen, o saber é pracenteiro.

Galician Books
Por outra banda, pode descargarse xa na Praza das Letras a versión en galego da revista Galician Books 2008, que se presentou este luns con gran éxito na Feira de Boloña, e que recolle unha mostra do máis destacado da produción literaria galega dirixida ao público infantil e xuvenil, da edición para nenos, a ilustración e da súa proxección internacional. O especial de Praza das Letras sobre Literatura Infantil e Xuvenil conta con artigos de escritores como Xabier P. Docampo, Xosé A. Neira Cruz, An Alfaia, Xosé Neira Vilas e Agustín Fernández Paz, entre outros.


Documentos

3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: