Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ABRE CON MÁIS DE 60 MIL VOLUMES

Inaugúrase (desta vez de verdade) a biblioteca de Compostela

Ánxela Bugallo e César A. Molina presidirán o acto, no que actuará Rosa Cedrón.

Redacción - 14:29 28/03/2008

A biblioteca pública de Santiago de Compostela era unha necesidade da capital que até o momento, e deixando á marxe as bibliotecas universitarias, contaba apenas cun moi limitado centro público na praza de Salvador Parga, inaugurado en 1955 e que hai moitos anos que quedara pequeno e anticuado. Importante debe ser esta biblioteca para que o Ministro de Cultura acuda a ela a inaugurala por segunda vez. Na primeira ocasión, unhas semanas antes das eleccións nas que encabezaba a lista do PSOE ao Congreso pola provincia da Coruña, César A. Molina inaugurou ante os medios de comunicación un edificio baleiro, con bastantes meses de retraso, ademais, sobre as previsións iniciais do Ministerio.

Este venres, a conselleira de Cultura Ánxela Bugallo, César A. Molina, e o alcalde de Santiago Xosé A. Sánchez Bugallo, presidirán o acto de inauguración da Biblioteca Ánxel Casal, no que actuará Rosa Cedrón. A biblioteca abre con sesenta mil volumes, que o equipo responsábel do centro agarda ampliar até 100.000 ao longo do presente ano. O centro cumpre so parámetros das bibliotecas modernas, cos seus fondos á vista e dispoñíbeis para os usuarios, e non limitado a ofrecer libros, senón que entre os fonde inclúense fondos impresos (libros, revistas e comics), audiovisuais (cine, documentais e música) e biblioteca electrónica, con posibilidade de acceso a todo tipo de recursos virtuais, mesmo desde a casa.

A Biblioteca Ánxel Casal será pioneira en todo o Estado en implantar un servizo de empréstito automático mediante radiofrecuencia, un novidoso sistema tecnolóxico que evita os roubos e facilita o empréstito. Cada libro conta cunha tarxeta con radiofrecuencia. O usuario só ten que pasar por un lector o libro e o seu carné de usuario e xa pode levar o volume para casa.

Catro andares
Na planta baixa sitúanse a sala multimedia, a hemeroteca, a bedeteca e o salón de actos. O primeiro andar está dedicado ao público infantil, o segundo andar acolle os fondos destinados ao empréstito a domicilio, mentres que no terceiro andar atópase a sección de consulta e investigación, ademais do fondo local.

A bedeteca está composta por unha ampla colección de 3.000 exemplares de banda deseñada con todos os xéneros, cunha presenza especial de cómic galego, con máis de 300 volumes, e tamén cómic americano, europeo e manga xaponés. Pola súa banda, o fondo audiovisual iníciase con máis de 800 discos de música (clásica, jazz, étnica e moderna), máis de 1.100 dvds (cine clásico, independente, galego e documentais) e programas de ordenador.

A biblioteca abrirá as súas portas ao público mañá sábado ás 10 da mañá, con todos os servizos funcionando, exposicións e actividades para o público infantil. Ademais dun espazo para o libro e a lectura, a Biblioteca Ánxel Casal quere ser un referente cultural en Santiago. Así, por exemplo, todos os sábados pola mañá realizaranse actividades de animación á lectura, que se iniciarán este sábado coa actuación de Títeres Cachirulo.

Tamén abren este sábado dúas exposicións: unha de ilustración e outra de banda deseñada. A mostra Apaga a luz: quero medo, foi creada pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) e reúne a 20 ilustradores e 20 escritores có obxectivo de amosarnos a súa visión sobre "o medo". A segunda exposición é As bases da banda, creada pola Asociación Cultural BD Banda para achegarse á historia do cómic e amosar os traballos dos autores galegos.


5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: