Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DECRETO DO CONSELLO

A Xunta aproba cambios na imposición de sancións laborais

Os cambios teñen a súa orixe na modificación da normativa estatal, xa que as contías deste tipo de sancións sofren un incremento importante.

Redacción - 19:30 27/03/2008

O Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe o decreto polo que se define unha nova distribución de competencias para a imposición de sancións en materia laboral, prevención de riscos e obstrución do labor inspector.

No decreto defínese como infracción laboral aquelas accións ou omisións dos empresarios contrarias ás normas legais, regulamentarias e cláusulas normativas dos convenios colectivos. Estas infraccións poden ser en materia de relacións laborais, tanto individuais como colectivas, de colocación, de emprego, de formación profesional ocupacional e continua e de traballo temporal. Estas infraccións están tipificadas e sancionadas de conformidade coa Lei 5/2000, de infraccións e sancións na orde social. Así mesmo, define as infraccións laborais en materia de prevención de riscos laborais como aquelas accións ou omisións dos diferentes suxeitos responsables que incumpran as normas legais, regulamentarias e cláusulas normativas dos convenios colectivos en materia de seguridade e saúde no traballo.

Departamentos responsábeis
Cómpre sinalar que a competencia de sancionar será responsabilidade dos distintos órganos da Consellería de Traballo segundo a contía da infracción. Polo tanto, establécese que a imposición de sanción en materia laboral e obstrución á actividade inspectora corresponderá aos delegados provinciais da Consellería de Traballo cando a sanción sexa de ata 12.500 euros; á persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais no caso de que o importe non supere os 62.500 euros; á persoa titular da Consellería de Traballo cando a sanción ascenda ata os 125.000 euros; e por último, ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da Consellería de Traballo, cando a multa ascenda ata os 187.515 euros.

No caso de que as infraccións sexan en materia de riscos laborais, será competencia dos delegados provinciais da Consellería de Traballo se o importe non supera os 40.985 euros; da persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais cando a sanción sexa de ata 123.000 euros; da persoa titular da Consellería de Traballo se a infracción conleva unha multa de ata 409.900 euros; e finalmente, do Consello da Xunta de Galicia por proposta da persoa titular da Consellería de Traballo cando a sanción sexa de ata 819.780 euros.

Por último en materia de cooperativas, as persoas titulares das delegacións provinciais da Consellería de Traballo serán as encargadas de sancionar no caso de que a infracción sexa de ata 6.010,12 euros, co condicionante de que a cooperativa figure inscrita no correspondente rexistro provincial; a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais cando a sancións non superen os 18.030,36 euros e a persoa titular da Consellería de Traballo nas infraccións cuxa multa importe sexa de ata 30.050,61 euros.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: