"Cando unha traballa por si mesma é dona das súas decisións. E unha vez que as mulleres entenden isto non queren recibir nada gratis nunca máis". María Reimóndez escribe desde Etiopía.
Lavarse?
A tarde continúa con xuntanzas de grupos. As mulleres do grupo Mehtabamer eran tantas ao principio (os grupos só permiten un máximo de 20) que se dividiron e fixeron dous Mehtabamer, o un e o dous. A xuntanza transcorre cos dous xuntos entre animación e parola. Cando lles pregunto sobre a formación sanitaria que recibiron ata o momento unha muller maior toma a palabra e o resto non poden evitar escachar coa risa ante a súa explicación cristalina: "Eu, ata que non fun ao curso, non me lavara na miña vida".
Por suposto, as chanzas non se fan esperar e ela a primeira de todas ri sen parar ante a vida que deixou atrás. O seu, por moito que a nosa cultura da hixiene nos pareza dicir o contrario, non é un caso excepcional. A hixiene non é algo que veña de serie no ser humano, hai que aprendela e é cultural. Unha aprendizaxe que marca a diferencia entre a saúde e a enfermidade.
Argumentos convincentes
Unha avaliación dun proxecto non está nunca completa sen a opinión do persoal que traballa nel, sobre todo das traballadoras de base. As que están no éxito ou non do proxecto. As que botan todo o día coas mulleres, as que son do seu entorno, as que son capaces de convencer ás mulleres para que escoiten, para que cambien de opinión se é necesario. O noso proxecto conta con catro traballadoras de base, unha traballadora social e a coordinadora do proxecto. Elas saben mellor ca ninguén dos problemas da mala cooperación, da cooperación baseada no asistencialismo e o paternalismo.
Trufat Bekele, unha das nosas animadoras, sabe perfectamente como desfacer esa mentalidade: "Dígolles ás mulleres que cando alguén dá unha está á mercede de que a outra parte queira dar ou non, non ten poder de decisión. Pero cando unha traballa por si mesma é dona das súas decisións. E unha vez que as mulleres entenden isto non queren recibir nada gratis nunca máis". Eu hai moito tempo que estou convencida, pero a nosa sociedade precisa máis ca ningunha entender este principio básico de respecto polas persoas e deixar de crear monstros coa súa caridade.
Orgullo por partida dobre
A nosa xuntanza vese interrompida pola chegada de catro representantes de Kinder-Not-Hilfe, unha organización alemá que traballa tamén con OPRIFS nun proxecto de creación de grupos de aforro. Albert, a persoa que coordina a organización en Etiopía, fálame do importante de poñer en marcha esta metodoloxía. Cando lle comento que levo 14 anos traballando con ela e que nós traballamos cos grupos dende un punto de vista integral (é dicir, non nos centramos só en crear grupos e que aforren e roten o fondo propio senón que buscamos utilizar o seu potencial de cambio social ao máximo e implicar ao resto da comunidade) quere que quedemos un día sen falta á miña volta da montaña e vexamos formas de colaborar.
Non podo evitar sentir un certo orgullo de que unha organización galega lles vaia ensinar cousas a uns alemáns dunha organización que manexa máis fondos que moitas instancias oficiais xuntas. Por certo que oxalá as nosas representantes de tales institucións tivesen o coñecemento necesario para recoñecer e valorar o traballo que facemos, e aprender de quen ten coñecemento e experiencia, pero iso xa é outro conto... O Albert ten hoxe con el a tres representantes máis da organización. Un deles visita tamén os seus proxectos na India, por suposto fálolles de PDI e o noso proxecto de desenvolvemento urbano que rematou en setembro no que as mulleres foron capaces de aforrar máis de 60.000 euros (cun investimento pola nosa parte na totalidade do proxecto de 20.000 euros de media cada ano) e de como conseguimos crear unha estrutura participativa que se fai cargo de todas as intervencións, da implicación de homes e mulleres no cambio de papeis de xénero.
Supoño que o meu orgullo ante o traballo de PDI e a miña paixón por ese proxecto é tan evidente que o alemán dáme o seu contacto e palabra de honra de ir visitar a PDI cando estea de novo na India. Espero que isto abra novas portas de traballo para PDI, para min a mellor organización local de cooperación ao desenvolvemento que coñezo.