Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
EN SABAXÁNS, MONDARIZ

Unha canteira podería destruír un foxo de lobos único no país

Ten a singularidade de contar con dous pozos, e aínda que a súa existencia está documentada dende 1664, os veciños denuncian que nunca foi catalogado polo concello.

Marcos S. Pérez - 12:45 03/03/2008

A empresa Miñor Granitos S.L. quere construír unha canteira no monte do Coto da Eira, na parroquia de Sabaxáns, en Mondariz. O proxecto está en exposición pública no Concello, onde figurará aberto o prazo para a presentación de alegacións até esta semana. A canteira, a primeira dun total de sete proxectadas no lugar, destruiría un foxo de lobos (construción tradicional empregada para a caza deste animal) absolutamente singular no país, pois trátase do único que en Galiza conta cun foxo dobre.

Ademais, o foxo de Chan da Anduriña é un dos que ten unha existencia documentada máis antiga, pois aparece en documentos dende 1664 (en concreto nunha reclamación veciñal sobre os límites da parroquia, no que se describe o foxo). Porén, malia á súa antigüidade e singularidade, nunca foi catalogado polo Concello de Mondariz, segundo un grupo de veciños, e non aparece mención ningunha a el no estudo de impacto ambiental encargado pola empresa.

O arqueólogo Alberte Reboreda, da Asociación Cultural Nova Xesta de Sabaxáns, confía en que cando a alegación que presentou chegue á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, o proxecto fique paralizado. A alegación lembra ademais que a conservación, restauración e posta en valor deste tipo de bens é obxectivo prioritario do Plan de Xestión do Lobo en Galicia que promove a Consellería de Medio Ambiente.

A alegación presentada polos veciños alerta da destrución do foxo, mais tamén do dano que a canteira produciría no Coto de Eira, un espazo de grande interese natural "que debería ser preservado de calquera tipo de explotación mineira, xa que esta prexudicaría os seus valores ambientais e paisaxísticos de forma irreparábel". De feito, neste momento hai sete canteiras proxectadas no lugar, que de non deterse provocarán "un dano irreversíbel", segundo Reboreda.

Os foxos en Galiza
Dende hai séculos estas construcións son empregadas para a caza do lobo, sobre todo nas épocas nas que o seu número era excesivo. Formado por sebes de pedra en forma de V, os veciños do lugar dirixían ao animal dende a boca até o fondo da cuña, con berros e pedras, até que o lobo buscaba a saída a través do foxo, onde ficaba atrapado e se lle daba morte. Tamén foi empregado para cazar outros animais, como veados. Estes elementos etnográficos son habituais na Serra do Suído, existindo exemplos ben interesantes na Lama ou en Cotobade, mais tamén noutros lugares do país, como Camariñas ou Bande.

Nun dos seus estudos etnográficos, Xaquín Lorenzo describe a caza do lobo realizada polos veciños nos foxos: Chegado o momento, ao saber que o lobo andaba cerca, xuntábanse os veciños, ían ao monte e, facendo barullo con paus, latas e berros, levaban aos poucos ao lobo a entrar entre os sebes, facendo que se metese cada vez máis, berrando: ¡Ah, lobo! ¡Ah, lobo!... Cando o animal chegaba ao corredor, saían os nenos dos agochos e asustábano tirándolle latas e pedras; o lobo ía así caer no foxo, que antes fose disimulado cunha cuberta de toxos e fentos (...). Unha vez estaba o lobo dentro do foxo, matábano a tiros dende arriba.


4,96/5 (24 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: